Site icon Crónica3.com A Mariña

Pilar Armada recorda ao PSOE de Cervo que o goberno de Zapatero “bloqueou durante tres anos” a cesión da Casa do Mar

Cervo, 4 de abril de 2013-A concelleira de Educación, Pilar Armada, considera “indecente” que o PSOE critique que aínda non se trasladase o PAI para a Casa do Mar “cando o Goberno de Zapatero mantivo bloqueada durante tres anos as nosas peticións de cedernos o edificio”.

A responsable de Educación lembra que o Concello estivo dende o 2008 enviando escritos e poñéndose en contacto coa delegación en Lugo da Tesourería Xeral da Seguridade Social, baixo o Goberno socialista, para reclamar a cesión da Casa do Mar pero ”os nosos escritos nunca saíron dos despachos de Lugo e, polo tanto, nunca chegaron á central da TGSS en Madrid, onde teñen que resolver a nosa petición”.

Armada explica que foi despois do cambio de goberno e coa entrada do PP no Executivo central “cando descubrimos que as nosas peticións caían constantemente en saco roto”. Unha actitude “irresponsable e moi grave” xa que supón que “durante tres anos os intereses dos cervenses estiveron gardados nun caixón”. Unha paralización que “temos que agradecerlle en exclusiva ao Goberno socialista”.

A edil tamén explica que despois do cambio de goberno o novo director provincial do INSS e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Antonio Nores, visitara a Casa do Mar pouco despois de tomar posesión do seu cargo, no mes de xuño de 2012 http://ow.ly/jKm1g. Unha visita na que se interesou pola situación e se comprometeu a axilizar a cesión, un trámite que “lle temos que agradecer encarecidamente porque supuxo un cambio radical”.

Deste xeito, a día de hoxe pasaron menos de 10 meses dende que o director provincial do INSS e da TGSS estivo en San Cibrao. Nese tempo, a petición do Concello chegou a Madrid, onde foi valorada e respondida. Así, no mes de xaneiro deste ano a administración cervense recibiu unha proposta de arrendamento na que a Tesourería Xeral da Seguridade Social permitía o uso da Casa do Mar a través do pagamento dun alugueiro anual. “Dende o Concello respondemos a esta proposta manifestando o noso desacordo e reclamando que se reconsiderase unha nova solución” manifesta Armada.

Polo tanto, para a edil “cando dicimos que estamos traballando e facendo as xestións oportunas, é que así o estamos facendo” tal e como consta nos documentos oficiais cruzados entre o Concello e a TGSS. Polo tanto, a edil remata pedíndolle aos socialistas “que tenten dicir a verdade, aínda que lles supoña un sobreesforzo”.

Exit mobile version