Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentada en Ribadeo a III Copa Deputación de Lugo de Piragüismo que contará con regatas nos seis clubs

rDSC_8865Estarán presentes todas as categorías, desde benxamíns a veteranos, e as probas disputaranse entre o 17 de maio (Lugo) e o 7 de setembro (Foz)

Ribadeo, 23 de abril de 2013. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, presentou esta tarde na Praia dos Bloques en Ribadeo a III Copa Deputación de Lugo de Piragüismo, que se disputará este ano entre maio e setembro. Segundo indicou Veiga, “esta proba é un auténtico éxito desde a súa primeira edición e medra en poder de convocatoria, atraendo a moitísimos deportistas ao remo e, igual que na súa primeira edición, constará de seis regatas xa que cada proba é organizada en colaboración con cada club participante no seu lugar de orixe”.

Neste sentido, Veiga destacou que “grazas a poñer en marcha esta copa logramos que se incrementasen o número de fichas federativas, o que significa que máis xente practica piragüismo en Lugo, porque este diñeiro redunda nos propios clubs e supón unha inxección económica importante en concepto de premios, que axuda a manter a actividade dos clubs, ademais da propia motivación que supón pelexar por unha mellor clasificación e número de padexeiros inscritos, que tamén puntúa positivamente de cara a mellorar a clasificación na competición”.

Veiga lembrou que desde a chegada ao goberno da Deputación, un dos obxectivos que se estabeleceron desde a súa Área de Deportes foi “a revitalización dun deporte histórico en Lugo, como o piragüismo, comezando por volver a poñer en marcha a escola de Piragüismo que se atopaba en estado de abandono”. Deste xeito, o vicepresidente continuou explicando que “despois os esforzos centráronse en apoiar aos clubs lucenses de piragüismo, auténtico motor do deporte, a través da mediación da Federación Galega de Piragüismo, para organizar esta competición da que hoxe poñemos en marcha a súa terceira edición, a Copa Deputación de Lugo de Piragüismo”.

Tal e como o ano pasado, os clubs participantes poden inscribir a padexeiros de todas as categorías desde benxamín a veteranos en Kaiak, e desde infantil a veterano en Canoa. As regatas puntuables desta III Copa Deputación de Piragüismo son organizadas por cada un dos clubs participantes e as datas son as seguintes:

17/05/2013 10.30h – Regata de Lugo (organizada polo Club Cidade de Lugo

02/06/2013 16.30h – Regata de Lugo (organizada polo Club Fluvial de Lugo)

03/08/2013 10.30h – Regata de San Cibrao (organizada polo club local)

11/08/2013 Horario de tarde – Regata de Viveiro (organizada polo club local)

25/08/2013 10h – Regata de Ribadeo (organizada polo club Altruán)

07/09/2013 17.30 – Regata de Foz (organizada polo Kaiak de Foz)

As distancias que os participantes, tanto na súa categoría masculina como feminina, percorrerán na competición son:

-Para benxamíns e alevíns 1.500 metros

-Para infantil 3.000 metros.

-Para veteranos, sénior, júnior e cadete 5.000 metros

Tal e como indicou Martín Carballo, a III Copa Deputación de Lugo de Piragüismo prevé destinar en premios a todos os clubs 12.000 euros, baseándose en dous criterios: participación (60% do total segundo o número de padexeiros inscritos) e clasificación (40% do total segundo os postos conseguidos).

É dicir, a participación puntuará como a suma de todos os padexeiros/as clasificados en cada regata, cun total determinado ao remate de todas as regatas. Unha vez finalizada a copa, divídese a cantidade destinada a este apartado entre o número de padexeiros/as clasificados de cada club, o que dará o valor da cantidade a recibir.

Para puntuar a clasificación, o 40% dos 12.000 euros dividirase entre os clubs cunha porcentaxe fixa de 22% para o primeiro clasificado, 19% para o segundo, 17% para o terceiro, 15% para o cuarto, 14% para o quinto, e o 13% para o sexto.

Exit mobile version