Site icon Crónica3.com A Mariña

Radio Valadouro presenta a súa nova programación o día 20

O vindeiro sábado, día 20 de abril, ás 20 horas, celebrarase no Salón de Actos da Casa da Cultura “Manuel Lourenzo” de Ferreira do Valadouro a Gala de presentación da nova programación de Radio Valadouro. Durante a presente temporada, a emisora estivo inactiva no que a programas propios se refire. Agora vén de ser remodelada e mellorada nas súas instalacións para empezar de novo a emitir. A gala será retransmitida en directo pola emisora.

Programas
A grella de programación para este ano incluirá un programa diario e repeticións de programas na fin de semana. O luns continuará a emitirse o programa de música en galego “A Cova dos Sons”, con Jacobo Rivas. Os martes debutará Marco Pereira, un rapaz de Xove, que fará un programa sobre os cantantes e os grupos musicais máis famosos. Eduardo Domínguez será o protagonista dos mércores, nos que continuará emitindo o seu programa “Misterios”. Os xoves será o día no que se emitirá o programa máis antigo de Radio Valadouro,”Parolando”, no que estarán os colaboradores destes últimos anos: Pepe Peinó, Matías Nicieza, Sabela Quirós, Pepe de Xermán, Martín González, Agustín Fernández e moitos máis. Finalmente, os venres serán os días do programa xuvenil “E e min que máis me dá”, coas súas seccións de música, deportes, literatura, entrevistas… feito por rapaces do Instituto Alfoz-Valadouro.

Na gala do día 20 todos estes colaboradores contarán coa compañía doutros artistas. En concreto, os músicos do grupo Canere Son, de Burela, e os monologuistas Luís Miguel Yáñez (do grupo “Raiolas”) e Ramón Ares (do grupo “Adala”).

Exit mobile version