Arias realizou estas declaracións no marco da presentación en Lugo de Curricán Conservas Artesáns, unha empresa xurdida en Xove da man de tres emprendedoras, que contaron co apoio da Xunta de Galicia para o seu financiamento.
A delegada aplaudiu ás promotoras da empresa, Nieves Medina, Nuria Carreño e Placer Rodríguez, pola iniciativa que, segundo considerou, “reúne valores fundamentais, ao tratarse dunha actividade emprendedora, unha industria transformadora de produtos do mar, que ademais está impulsada por mulleres”.
Nesta liña, Arias lembrou que aínda que “quedan hándicaps que dificultan o éxito das mulleres emprendedoras”, a taxa de emprendemento feminina en Galicia “pasou do 2,26% en 2010 ao 4,08% en 2011, un incremento maior que o que experimentou a dos homes”. A porcentaxe refírese ás mulleres de entre 18 e 64 anos inmersas nun novo proxecto empresarial.
A delegada referiuse ao proxecto da Lei de Emprendemento aprobado recentemente polo Consello da Xunta, que “contempla a mobilización de máis de 15 millóns de euros a través de liñas de axudas” e persegue “o incremento do número de emprendedores, simplificando para elo os trámites e ofrecendo todo o apoio da administración para a creación de novas empresas”.
Arias explicou que os cambios normativos súmanse ao esforzo económico realizado pola Xunta mediante a habilitación dun Fondo para o Emprendemento “co que axudar aos empresarios nese primeiro momento de impulso do negocio”.
No acto de presentación da empresa mariñá participaron tamén, entre outros, os alcaldes de Xove e Burela, Demetrio Salgueiro e José María González Barcia respectivamente, o patrón maior da Confraría de Burela, Basilio Otero, e o presidente de Armadores de Burela, Abelardo Basanta.