Site icon Crónica3.com A Mariña

Raquel Arias gaba o impulso para o desenvolvemento de Foz que levou a cabo a Acia ao longo dos seus 25 anos

Foz, 25 de marzo de 2013.- A delegada territorial de Lugo, Raquel Arias, informou hoxe en Foz das axudas recentemente convocadas pola Xunta para o desenvolvemento de medidas destinadas a revitalizar o consumo no comercio local.

Arias participou na celebración do aniversario da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (Acia) de Foz, á que gabou porque “leva 25 anos loitando polo desenvolvemento deste sector e contribuíndo de xeito decisivo á dinamización económica e social do propio concello”.

A delegada recoñeceu “o peso específico” que ten o comercio de proximidade no tecido industrial da provincia, indicando que a Xunta “está a poñer todos os medios ao seu alcance para paliar os efectos que a diminución do consumo tivo no sector”. O comercio, apuntou, “xera máis de 110.000 postos de traballo en Galicia, e representa a cuarta parte das empresas galegas en activo, motivo polo que o Goberno galego traballa co obxectivo de incrementar a súa competitividade”.

Neste marco encádranse as axudas para as asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos (CCA) e das prazas de abastos convocadas pola Consellería de Economía e Industria, dirixidas a sufragar campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes e outros proxectos de mellora que, no caso das prazas de abastos, inclúen as instalacións e equipamentos.

Este programa, explicou, “conta este ano con 2,2 millóns de euros, un 10% máis que o ano pasado, cando posibilitou a realización de máis de 300 actuacións de dinamización comercial que redundaron no beneficio dos máis de 5.000 pequenos comercios agrupados nestas asociacións”.

As subvencións poden solicitarse ata o día 22 de maio; no caso dos centros comerciais abertos poden chegar ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, mentres que no das prazas de abastos a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros. Arias animou a “traballar en conxunto” para levar á práctica ideas “orixinais e eficaces” e impulsar así a mellora competitiva do comercio de proximidade.

Exit mobile version