Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo reciclou 32,01 quilos de vidro por habitante no 2012

Os ribadenses reciclan cada vez máis. Así se desprende dos datos do 2012 que hoxe deu a coñecer o concelleiro de Medio Ambiente. En total recolléronse 322 mil quilos de vidro, o que supón 32,01 quilos por habitante e ano, unha cifra moi superior á media galega dos 13,2.

Ribadeo, 24 de abril de 2013. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, agradece aos veciños e veciñas de Ribadeo o seu compromiso medioambiental coa reciclaxe do lixo. O balance do 2012 é moi positivo. Os ribadenses reciclamos 32,01 quilos de vidro por habitante e ano, unha cifra moi superior á media galega que se sitúa en 13,2 quilos. Incrementouse a recollida de aceite usado de cociña pasando de 1.500 litros no 2011 a 3.173 o ano pasado. Cupeiro sinala que a crise vai denotando que o consumo baixa, algo que se detecta no caso dos voluminosos, do papel e do plástico de silos.

O edil nacionalista sinalou que “unha vez recibidos todos os datos dos residuos que se xeraron o balance que podemos facer é positivo e chegamos tamén a unha serie de conclusións. No caso do vidro fomos felicitados por Ecovidrio por seleccionar 32,01 quilos por habitante e ano, cando a media galega está 13,2 quilos. Isto quere dicir que en Ribadeo duplicamos a cantidade que se recolle en Galicia. En Lugo capital, por exemplo, retiran 8 quilos por habitante e ano. Ribadeo está a ser un referente en Galicia e tamén a nivel estatal”. En total no 2012 recolléronse 322.085 quilos de vidro, 46.000 máis que no 2011.

No caso dos residuos que van ao contedor amarelo “que levo anos insistindo en que deberíamos estar por debaixo do 30% nas caracterizacións, podo dicir que se depositaron 273.730 quilos nestes contedores, mil quilos menos que no 2011, pero cunha calidade nesas caracterización do 29,92%. Quero lembrar que hai uns anos estabamos no 52%, e por iso quero felicitar aos veciños e veciñas de Ribadeo polo seu compromiso medioambiental de seleccionar estes residuos. E quéroos seguir animando a que continúen así”, seguiu a relatar o concelleiro de Medio Ambiente de Ribadeo.

Horacio Cupeiro indica que “a crise vai denotando que o consumo vai a menos. É o caso dos voluminosos que levamos ao punto limpo, xa que baixamos no 2012 uns 10.000 quilos con respecto ao ano anterior, antes recollíanse 40.000 quilos e agora pouco máis de 29.000. Isto indica que a xente baixou o consumo e non compra como compraba antes, e non tira por tirar”.

Os ribadenses tamén reciclaron máis aceite usado de cociña. Dos 1.500 quilos recollidos no 2011 pasóuse a 3.173 o ano pasado. O responsable de Medio Ambiente engadiu que “no caso dos Raes, que son os aparatos eléctricos e electrónicos, recollemos 30.360 quilos no punto limpo, uns 5.000 quilos máis que no 2011. Tamén se baixou na reciclaxe de papel xa que se depositaron 207.749 quilos o ano pasado, 18.860 quilos menos que no 2011. A crise tamén nos vai dicindo que se compran menos revistas, menos periódicos, etc. No plástico de silo notamos unha baixada entorno aos 4.000 quilos, xa que no 2012 recollemos 51.000 quilos, cando anos atrás andabamos polos 90.000. Isto indica que as explotacións agrarias foron a menos. E xa nos contedores verdes, aos que vai todo o que non se selecciona, recollemos aproximadamente a mesma cantidade que no ano anterior”.
Horacio Cupeiro felicitou “no nome do alcalde e no seu propio aos veciños de Ribadeo polo seu compromiso medioambiental”.

Exit mobile version