Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo será escenario dun encontro sendeirista os días 27 e 28 de abril

Ribadeo, 23 de abril de 2013. Os días 27 e 28 de abril terá lugar en Ribadeo un Encontro Sendeirista, que se enmarca dentro do programa Ribadeo eventos.

O evento está organizado pola empresa Sikae Viaxes e conta coa colaboración da asociación de montaña Peña Tallada e o Concello de Ribadeo, a través do programa Ribadeo eventos que leva adiante a Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo “co obxectivo de promocionar Ribadeo como destino de encontros e grupos”.

O 27 de abril con saída desde Ribadeo percorreranse varias rutas guiadas: a Vía Verde máis as minas de Vilaodriz, e opcionalmente pola tarde poderase acudir á das Aceas. A Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo prevé a chegada de 100 persoas para participar nestas rutas.

E xa 28 de abril terá lugar o Encontro Galego-Astur de Sendeirismo ao que acudirán catro clubs de Asturias e Galicia. Esa xornada haberá tamén unha ruta guiada pola costa e outra polos montes da zona, para confluír na praia das Catedrais, que se visitará en marea baixa e despois continuarán ata as cetareas de Rinlo, onde se comerá de picnic.

Segundo informan desde a Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo “a participación nesta actividade, para a xente de Ribadeo, terá un custe de 10 euros. As prazas son limitadas. Os interesados deben poñerse en contacto coa oficina de turismo no 982 128 689”.

Exit mobile version