Site icon Crónica3.com A Mariña

Rosa Quintana presidiu en Santiago a presentación da XV Feira Expomar que se celebrará a finais de maio en Burela

SONY DSCBurela, 24 de abril de 2013. A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, presidiu esta tarde en Santiago a presentación da XV Feira Náutico Pesqueira Expomar que se celebrará a finais de maio en Burela.

O alcalde, José Mª González Barcia, quixo “agradecerlle á Xunta, a través da conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, o apoio institucional e económico para que a décimo quinta edición da Feira Náutico Pesqueira Expomar sexa unha realidade”. O rexedor subliñou que “a feira dentro do mundo pesqueiro é unha das máis importantes da cornixa cantábrica. Vaise centrar este ano nas innovacións tecnolóxicas que poidan favorecer a actividade pesqueira tanto en materia de localización de bancos de pesca como de seguridade”.

González Barcia anunciou que “o vindeiro xoves vai haber unha reunión da comisión organizadora para traballar todo o vinculado coas xornadas técnicas e encontros empresariais, a pesares de que o programa está pechado no referido a relatores e ponencias. A partir de aí na vindeira xuntanza trataranse cuestións de tipo formal de cara á celebración da feira”. E engadiu que “dentro duns días faremos unha presentación en Burela e posteriormente outra en Lugo cidade, neste caso buscando fundamentalmente unha promoción máis de tipo turístico”.

O alcalde burelés agradeceu tamén “a todas as institucións, empresas e organizacións que están presentes no padroado da Fundación pola implicación que están demostrando en Expomar, que empezou no ano 1994 e que xa adquiriu unha relevancia importante. E por suposto o Concello de Burela, como patrón titor da Fundación, vai seguir aportando o mesmo que aportou nestes últimos anos pasados, recuperando a achega que tiñamos na nosa etapa anterior no goberno municipal e que o bipartito pechou”.

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asegurou que a unión do sector do mar, da administración e dos científicos é a única garantía de éxito para o futuro da pesca en Galicia. Quintana destacou a evolución desta feira bienal dende os seus inicios ata converterse na actualidade nun referente para todos os profesionais do mar da cornixa cantábrica e do norte de Portugal.

Exit mobile version