Site icon Crónica3.com A Mariña

Unhas 600 persoas participarán no XXX Día do Xubilado do Concello de Cervo que se adica ás xentes do mar

Cervo, 24 de abril de 2013-A delegación de Servizos Socias, que dirixe Pilar Armada, informa de que uns 600 cervenses participarán o vindeiro mércores 1 de maio no XXX Día do Xubilado. Uns datos que se dan a coñecer poucos días despois do peche do prazo de inscrición. Ao mesmo tempo, a delegación fixo públicos os actos preparados para esa xornada, que este ano se celebrará nunha carpa instalada na praza dos Campos de San Cibrao

Para o desprazamento dos participantes están previstas catro liñas de autobuses, que sairán ás 11:30 horas e de forma simultánea das vilas de Rúa, San Román, Cervo e A Senra e farán distintas rutas para cubrir todo o municipio. O programa comezará ás 12:00 horas coa tradicional misa no pavillón municipal da Veiga. A partir das 13:15 horas arrincará no Auditorio da Casa da Cultura a actuación do mago Jorge Manchado. O entretemento continuará ao remate do espectáculo de maxia coa sesión vermú amenizada polo Dúo Diamantes. Ás 14:30 horas comezará o xantar na carpa.

Unha edición do Día do Xubilado que é moi especial “ao cumprirse 30 anos desta celebración pola que dende o goberno local seguimos apostando ao tratarse dunha homenaxe sentida aos nosos xubilados, que merecen toda a nosa atención e agarimo, un recoñecemento ás súas vidas e un agradecemento polo moito que nos aportan día a día” asegura Armada.

Así, este ano haberá numerosas sorpresas que se irán coñecendo ao longo da xornada, na que tamén se fará entrega dos premios aos gañadores do Campionato de Tute e Parchís, que rematou esta semana. Armada tamén fixo fincapé no carácter “emotivo” deste día como “unha xornada de convivencia e de encontro na que os nosos xubilados se reúnen e comparten un día de entretemento con persoas ás que, en moitas ocasións, só poden atopar neste evento”.

Dous días antes da celebración desta xornada a Concellería de Servizos Sociais ofrecerá unha charla de Medicina Natural que será impartida polo especialista Santos Álvarez Escuredo. Será o día 29 ás 18:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura.

Ao mesmo tempo, cabe destacar que nesta ocasión o Concello dedica o Día do Xubilado ás xentes do mar “polo seu sacrificado traballo e pola súa valentía e esforzo” engade Armada. Salientar tamén que a delegación de Servizos Sociais está ultimando os detalles dun programa complementario ao Día do Xubilado que se desenvolverá ao longo do mes que de maio e que incluirá numerosas e innovadoras actividades interxeracionais que se darán a coñecer nos próximos días.

Exit mobile version