A conselleira Mato vén a Lugo a crear cortinas de fume, falando de aumento de investimentos en Benestar cando desde que goberna o PP se retiraron as axudas autonómicas a Axuda no Fogar por valor de 2 millóns de euros”.
Antonio Veiga considerou “ridículo” o aumento do 2,5 % do investimento en Benestar para este ano por parte da Xunta cando a Deputación aumentou o 28% desde 2011.
A Xunta é insensíbel diante das particularidades demográficas e socioeconómicas de Lugo: nestes momentos de emerxencia social a poboación maior e do rural debería ser o obxectivo prioritario e, claramente, para a Xunta non o é.
Lugo, 10 de abril de 2013. Esta mañá, o vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel da Área de Benestar Social, o nacionalista Antonio Veiga, valorou as declaracións efectuadas onte pola conselleira Beatriz Mato sobre os investimentos da súa consellería en Lugo, afirmando que “a conselleira Mato vén a Lugo a crear cortinas de fume, falando de aumento de investimentos en Benestar cando desde que goberna o PP se retiraron as axudas autonómicas a Axuda no Fogar por valor de 2 millóns de euros e as axudas estatais para o servizo de Teleasistencia. Polo tanto, a conselleira non veu onte a Lugo máis que a confirmar a súa nefasta e discriminatoria política de Benestar para os e as lucenses”.
O vicepresidente da Deputación foi rotundo ao afirmar que “desde que o PP goberna a Xunta de Galiza, Lugo perdeu máis de 2 millóns de euros en investimentos en materia de Benestar ao negarse por decreto a subvencionar o Servizo de Axuda no Fogar básico nos concellos menores de 20.000 habitantes, en Lugo todos excepto o da capitalidade. Isto preténdeno tapar ofrecendo a ridícula cifra de aumento do investimento dun 2,5 % para este ano e que pretenden que os e as lucenses creamos isto como unha aposta polo benestar. Se un goberno e unha administración amosan unha sensibilidade pola mellora das condicións de vida e benestar dos seus veciños e veciñas reflíctese en cifras, e así podemos dicir que desde a Área de Benestar Social da Deputación aumentamos desde 2011 até agora un 28 % a nosa aportación para sufragar un Servizo de Axuda no Fogar básico do que se benefician arredor de 3.000 persoas”. Veiga expuxo que “nós somos conscientes da importancia de ter no noso eixo de acción as políticas de benestar social, porque apostamos que todas as persoas teñen dereito a unha atención e servizos básicos independentemente da súa idade ou de se viven no rural ou en zonas urbanas” e lamentou que a Xunta sexa insensíbel “diante das particularidades demográficas e socioeconómicas de Lugo: nestes momentos de emerxencia social a poboación maior e do rural debería ser o obxectivo prioritario e, claramente, para a Xunta non o é”.
Tal e como valorou Antonio Veiga, “parécenos dunha falla de ética política brutal que a conselleira Beatriz Mato anuncie que inviste 800.000 euros no programa de Teleasistencia “Miavizor”, do cal se benefician en Lugo 41 persoas, cando en realidade hai arredor de 1.500 usuarios e usuarias e a Deputación tivo que aumentar o seu investimento para financiar a Teleasistencia Domiciliaria trala retirada desta colaboración por parte do Ministerio Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Isto, hai que recordalo, provocou que Deputación e Concellos chegasen ao acordo de sufragar o servizo de Teleasistencia ao 50%, dispoñendo a Área de Benestar da Deputación de 1,3 millóns de euros para 4 anos destinados a esta finalidade”.
Veiga afirma neste sentido que “se a Xunta aportase eses 800.000 euros que a conselleira di para sufragar de verdade o servizo de Teleasistencia sería suficiente para que nos vindeiros 4 anos os Concellos non tivesen que sufragar ese servizo e que a Deputación non tivese que aumentar de maneira tan abrupta a súa aportación. A Xunta, polo tanto, segue coa súa política de engano aos lucenses porque de ningunha maneira eses 800.000 euros van repercutir nos lucenses, se así fose estaríamos a falar doutras cifras e non da atención a 41 usuarios”.
Infraestruturas
Que para a Xunta de Galiza a situación demográfica lucense non é unha problemática de especial incidencia maniféstase tamén na constante negativa a conceder prazas concertadas nos centros públicos para maiores da Deputación de Lugo mentres, por outra parte, si llas concede a centros de titularidade privada, nunha política claramente discriminatoria que tamén amosa noutras áreas como na educación, reducindo investimentos en centros públicos e aumentándoos en centros concertados.
A Conselleira dixo textualmente que as residencias e centros de día públicos da Deputación non eran “nin necesarios nin prioritarios” a pesar de que Lugo é, xunto con Ourense, a provincia coa poboación máis avellentada de Galiza e do Estado.
Isto obrigou á Deputación a reprogramar a rede de residencias públicas porque co mesmo orzamento, 15 millóns de euros de fondos propios (nin tan se lle pedían cartos ó Goberno de Feijóo) non só terá que construír as residencias e centros de día senón tamén poñelos en marcha.