Site icon Crónica3.com A Mariña

A Área de Cultura da Deputación propón música en galego para celebrar o Día das Letras

Pandeiromus e a Compañía do Ruído serán os grupos encargados de amenizar a velada do 17 de maio na Praza de Santa María.

“Con esta iniciativa queremos reivindicar a nosa identidade e a nosa cultura nunha época marcada pola crise e os recortes”.

Lugo, 8 de maio de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou, esta mañá, no Pazo de San Marcos, as actividades previstas para celebrar o vindeiro 17 de maio o Día das Letras, organizadas pola Vicepresidencia do ente provincial en colaboración con Culturactiva.

Nesta ocasión, trátase de facer festa en galego da man de grupos de estilos tan diferentes como Pandeiromus, o primeiro grupo de pandereteiros creado en Galiza, e a Compañía do Ruído, unha banda de Ribeira que mestura temas tradicionais con ritmos máis actuais como a samba, o ska, o reggae, os ritmos balcánicos ou o rock’n’roll. “Van ser máis de tres horas de música, baile e humor co denominador común do idioma galego e coa esencia da festa tradicional pero cun toque máis adaptado aos novos tempos” explicou Outeiro.

A velada, que será ao máis puro estilo das grandes verbenas que se fan nas vilas do noso país, terá lugar na Praza de Santa María a partires das 21:00 horas e contará coa presenza de Isabel Risco, actriz, clown e pedagoga teatral, que asistirá en calidade de mestra de cerimonias.

“Nesta época de convulsión, de crise, de decretazos que amputan dereitos, de centralismo arroiador e avasalador, non queremos que nos recorten a lingua, e con esta actividade, dende a área de Cultura da Deputación de Lugo queremos reivindicar a nosa identidade e a nosa cultura, queremos reivindicarnos a nós mesmos”, concluíu o delegado.

Exit mobile version