Site icon Crónica3.com A Mariña

A arte do Kick Boxing ao descuberto nas II Xornadas do Deporte

A campioa do mundo, Marisol Ramírez, dirixirá unha sesión teórico-práctica o xoves en Vista Alegre, nas II Xornadas do Deporte.

A Academia Imdecum acollerá a segunda sesión das II Xornadas do Deporte este xoves, 16 de maio, descubrindo a arte do kick boxing a través da visión teórico-práctica da campioa do mundo Marisol Ramírez (Madrid, 1987). A cita será no pavillón Vista Alegre de Burela, ás 16.15 horas.

A deportista, cinturón negro 4ª grao de kick boxing dende 2010, conta cun amplo recoñecemento medallístico. Aos 27 ouros en campionatos autonómicos (2003-09) suma 8 en nacionais (2005-09). En 2009 subiu ao cumio do podio no Campionato do Mundo de Kick Boxing, na modalidade de semi-contact, e obtivo 3 bronces en light-contact e koshiki.

Ata o 6 de xuño, o programa formativo da Academia Imdecum tamén abordará a loita olímpica, tenis de mesa adaptado e fisioculturismo entre os temas da presente edición. A iniciativa, que conta ademais coa colaboración da Deputación de Lugo, Fundación Deporte Galego e o IES Monte Castelo, está destinada a alumnado e titulados/as do ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas do centro burelao, monitores deportivos e demais profesionais relacionados co deporte, así como a todo o público interesado.

A situación do deporte feminino nos medios
A Academia Imdecum abriu esta edición o pasado 25 de abril. O vicedirector do IES Monte Castelo, Alfonso Iglesias, presentou o ciclo coa reflexión da periodista deportiva ourensá Alba Adá sobre a situación do deporte feminino nos medios de comunicación. Na súa intervención a xornalista mostrou a diferenza xeneralizada de tratamento e cobertura entre o deporte masculino e feminino, a pesar do intento de vender unha realidade igualitaria, e avogou pola responsabilidade dos medios coa sociedade para dar unha imaxe profesional do deporte feminino, como merece. Alba Adá esfórzase por “ser a voz de moitas deportistas” a través do seu blog albaadalameiras.wordpress.com/

LOCALIZACIÓN: Pavillón Vista Alegre
HORARIO: 16.15 horas
Xoves 16 maio
Título: “A arte do kick boxing. Unha visión teórico-práctica”
Relatora: Marisol Ramírez Gómez, campioa do mundo

Exit mobile version