CERVO, 06 DE MAIO. O próximo 8 de maio, a asociación cultural “Pasiño a Pasiño” cumpre tres anos de vida, e coma non podía ser doutra maneira, ímolo celebrar coma se merece.
Actos do Terceiro Aniversario
No noso terceiro aniversario, queren facer algo especial e de relevancia, no que o nenos e as familias estiveran identificados. Para iso, organizan diferentes actividades a desenvolver durante tres días, onde o protagonismo vai ser dos máis pequenos, a través da arte, a cultura e as tradicións da nosa comunidade.
A programación dos actos trasladarase ao mes de xuño, coincidindo coa finalización do curso escolar e o inicio da tempada estival.
O día 21 de xuño inaugurarase a exposición onde se exporán os traballos realizados pola asociación nos diferentes cursos, obradoiros, confección traxes de Antroido, etc. Exporanse tamén fotografías dos distintos actos celebrados pola asociación.
O día 22, será a xornada de Teatro infantil, coa obra de teatro “Bon Appetit”, unha comedia onde a cociña tradicional Galega é o ingrediente perfecto para desternillarse da risa; baseada no libro “A cociña Galega” de Álvaro Cunqueiro.
O día 23: Noite Meiga. Pasiño a Pasiño sairá ó campo coller “fiunchos”, facer mollos e poñelos polas fiestras, portas, etc. Despois, ao fío da media noite cantarán e bailarán nas fogueiras do concello.