Nunha reunión presidida por José María González Barcia, presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, a Comisión Organizadora deixou totalmente definidos os temas, poñentes e moderadores das xornadas técnicas, que se celebrarán os días 23 e 24, así como o desenvolvemento dos Encontros Empresariais que se celebrarán o sábado día 25.
Así mesmo, paralelamente á feira celebraranse diversas actividades paralelas, que tamén quedaron totalmente perfiladas. O presidente da Fundación Expomar valorou positivamente a reunión, e manifestou que “todo apunta a que a edición do presente ano mantén o nivel de edicións anteriores, a pesares da situación económica que estamos a vivir”.
A xerente de Expomar, Catalina Sánchez, corroborou as palabras do presidente da Fundación: “temos contratada toda a superficie destinada a expositores, algo que non víamos doado hai uns meses”. A xerente da Fundación agradeceu a confianza mostrada polas firmas asistentes, “auténtica garantía do éxito da feira”.