Xunto á Vicepresidenta Segunda, estarán representantes dos 7 clubs de surf da Costa lucense, todos colaboradores na organización do evento deste ano, e algúns dos surfistas profesionais participantes. Os clubs mariñanos son os seguintes: Hola!Ola Surf Club de Ribadeo; North Shore Surf Club de Barreiros; Surfiños Surf Club e Sensación Surf Club de Foz; Limosa Surf Club de San Cibrao; e Oxígeno Surf Club e Van Surf Club de Viveiro.
Tralas actividades de hoxe, os pratos fortes do certame terán lugar mañá sábado e o domingo, con exhibicións das figuras do surf participantes, que ademais de demostrar as súa destreza sobre as olas, ensinarán gratis as súas técnicas e coñecementos a todo aquel que o desexe. Repiten nomes propios deste deporte, como Gony Zubizarreta, Aritz Aramburu, Kepa Acero, Hodei Collazo, Adur Letamendía, Indar Unanue ou Pablo Solar, e incorpóranse outras, como Mario Azurza, Jonathan González ou Guillermo Alonso.
Para tódolos públicos
Ademais, as xornadas do Km0 Surf-Camp inclúen outras actividades, tamén libres e gratuítas, e pensadas para toda a familia, como paseos en skate eléctrico, segway, longskate, exhibicións e música.
A programación é a seguinte:
A xornada do sábado arrancará ás 11:00 horas cunha expression session de surf nos areais de Barreiros, e ás 14:30 horas terá lugar unha comida popular na praia. Pola tarde, a partir das 16:30 horas, as actividades continuarán no paseo marítimo de Viveiro, cun simulador de surf, e percorridos en skate eléctrico, segway e longskate. Dende as 16:30 tamén haberá exhibicións de surf nas praias de Barreiros. As 00.00 terá lugar un concerto do grupo vivariense Sunday Morning Club no pub TRES60 de Ribado.
O domingo, entre as 12:00 e as 14:00 horas, os mellores surfistas de Europa, acompañados de monitores, ensinarán a surcar as olas a todos aqueles que o desexen na praia focense da Rapadoira. Más de 100 persoas teñen solicitado a día de hoxe o préstamo gratuíto de material para poder surf, pero os interesados aínda poden facelas reservas chamando ó número de teléfono 982-12-00-64.
As persoas que queiran máis información poden dirixirse á páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org; á web do certame http://km0surfcamp.deputacionlugo.org; ó Twitter, @surfcamplugo; ou ó Facebook facebook.com/km0surfcampdeputacionlugo
Proxección
Mostra da proxección que acada este evento é que contará coa presenza de representantes da Federación Española de Surf e de medios especializados neste deporte, como www.fuelsurf.tv; www.surflimit.com; www.costasurf.com; www.aremojo.com ou www.cervezasalada.com atraídos polo número de surfistas do máis alto nivel que se concentrarán na Mariña. Se ben Galicia acolle campionatos de nivel, esta é a única ocasión na que calquera poderá surfear da man de profesionais destacados e recibir as súas ensinanzas, polo que se trata dun evento único na comunidade galega.
Cartel de campións
A boa acollida e a proxección do Surf-Camp reflíctese en que o cartel de campións participantes medra ano tras ano. Nesta terceira edición estarán 18 figuras de primeiro nivel:
– Gony Zubizarreta: o surfista galego máis laureado neste deporte, gañador o pasado ano do San Miguel Zarautz Pro, unha importante proba do circuíto World Qualifing Series Tour (WQS), e 2º clasificado no WQS máis importante para Galicia, o WQS Pantin Classic.
– Pablo Gutiérrez: actual campión de Europa de surf.
– Kepa Acero: inmerso no seu proxecto “5 olas, 5 continentes”, viaxa por todo o mundo descubrindo olas case imposibles de surfear como na Antártida, na que estivo catro veces.
– Adur Letamendía é famoso por surfear grandes olas e actual gañador do evento máis importante de Europa destas olas, o Punta Galega EVE Challenge 2012.
– Marlon Lipke: surfista alemán afincado en Peniche (Portugal) participou no WQS durante anos, acadando o seu paso ó WCT (World Circuit Tour), un nivel ó que moi poucos europeos chegaron.
– Artitz Aramburu: o campión de Europa Profesional 2007 e primeiro español en clasificarse ó WCT encontrou un oco para participar no Surf-Camp.
– Hodei Collazo: un dos grandes do WCT, e 2º do mundo no circuíto junior de 2004.
– Jaji Iglesias, o rei do marketing surfeiro, é un surfista rápido en olas pequenas.
– Luis Rodríguez: o 2º surfista galego máis laureado dos últimos tempos, premiado ó mellor Wipeout durante durante o Punta Galea EVE Challenge 2012.
– Lucía Martiño: campiona de España de surf 2011.
– Dani Aznar: monitor de surf na súa propia escola, amante do surf libre e un artista voando coa súa táboa en xiros impensables.
– Yoli Rodríguez: un dos máximos expoñentes a loitar polo liderado do campionato de surf feminino nos próximos anos.
– Indar Unanue: free surfer, coñecido por loitar contra as olas xigantes de todo o litoral europeo.
– Pablo Solar: actual seleccionador da Federación Española de Sur, e gañador do circuíto nacional durante anos.
– Mario Azurza: máis ben un free surfer que un competidor, conta cun blog que recibe máis de 50.000 visitas anuais.
– Jonathan González: o máis afamado surfista de Canarias, practica este deporte dende os 9 anos e actualmente está realizando o circuíto WQS.
– Guillermo Alonso: surfista asturiano, continuo viaxeiro e flamante gañador do programa televisivo San Miguel, cracks del surf, ten unha escola de surf no seu pobo natal, Ribadesella.
– Garazi Sánchez: surfista vizcaína gañadora do circuíto ESHF, practica este deporte dende os 7 anos.