Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Lugo, considerada exemplo de boa xestión de fondos europeos en España

– O organismo provincial participa hoxe en Sevilla no Foro ProEmprego IV, organizado pola Deputación de Sevilla, para poñer en común experiencias e boas prácticas das administracións locais en políticas de formación e mellora da empregabilidade
– A institución luguesa foi convidada á xornada para dar conta da súa xestión de fondos europeos, premiada pola Unión Europea a premiou con 25 millóns de euros, o que a converte na 5º entidade local no país que máis fondos comunitarios recibiu
– O Director de Fondos Europeos da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, participou xunto con outros profesionais da administración e do mundo empresarial nunha xornada na que se abordaron outros aspectos coma a busca activa de emprego en internet e redes sociais

A Deputación de Lugo participa hoxe en Sevilla no Foro ProEmprego IV, xornadas organizadas pola institución provincial sevillana co obxectivo de poñer en común proxectos e intercambiar experiencias e boas prácticas das administracións locais en xestión de fondos europeos.

O organismo provincial foi convidado a esta cita por ser un exemplo en toda España de boa xestión dos cartos procedentes do Fondo Social Europeo. De feito, foi merecedora do recoñecemento por parte da Unión Europea coa concesión de 25 millóns de euros, converténdose na 5ª entidade local no país que máis fondos comunitarios recibiu na última convocatoria, debido ós resultados dos proxectos que a Deputación de Lugo desenvolveu nesta provincia cos cartos que recibiu da UE para 2007-2011.

O Director de Fondos Europeos da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, xunto a outros profesionais da administración e do mundo empresarial, como a Delegada territorial da Consejería de Economía, Innovación e Ciencia da Deputación anfitriona, o Responsable Técnico do CADE ou o Presidente de SBP- Comunicadores Asociados de Impulso Empresarial, participou nunha xornada na que se puxeron sobre a mesa e se analizaron diferentes proxectos englobados dentro do Programa Operativo do Fondo Social Europeo (FSE). A institución provincial luguesa é un exemplo para o resto de administracións polos bos resultados obtidos conxugando factores coma a demanda tecnolóxica ou a conservación do medio ambiente co fomento do emprego na provincia, materializado en proxectos coma o Pacto Provincial polo Emprego, que Rivera analizará co resto de expertos presentes nunha mesa redonda baixo a rúbrica de “Mejora de la empleabilidad: aspectos innovadores y buenas prácticas”

Este non será o único tema tratado. Cómo buscar traballo en internet e as redes sociais, a motivación para a busca de emprego, as ferramentas imprescindibles para atopar traballo ou a posta en común de experiencias de beneficiarios doutros programas de formación e emprego serán abordados durante a xornada de hoxe.

Esta non é a primeira ocasión na que a Deputación de Lugo acude a foros especializados para dar conta da súa exemplar xestión de fondos procedentes da Unión Europea. O pasado mes de febreiro, o Secretario da Deputación, José Antonio Mourelle Cillero, participou xunto a profesionais da administración coma o Subsecretario do Ministerio da Presidencia, Jaime Pérez Renovales, no “Programa Ejecutivo en Liderazgo”, organizado en Madrid por unha prestixiosa entidade do país que busca solucións para unha óptima xestión das administracións públicas en beneficio dos cidadáns.

Exit mobile version