Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación entrega os diplomas do curso de enfermería ofrecido no Concello de A Pontenova

_77K0933– Lara Méndez entregou os diplomas de asistencia ós 15 participantes.
– Máis de 300 lucenses reciben hoxe formación especializada e gratuíta da Deputación nas profesións con máis futuro.
– A través do plan Fórmate en Verde, o organismo está a impartir na actualidade 15 accións formativas sobre produción ecolóxica e xestión forestal sostible, impulsando deste xeito “un sector que se está a revelar como una alternativa sólida para saír da crise na provincia”.
– A Vicepresidenta Segunda recalcou a necesidade dun “compromiso firme dos Gobernos de Rajoy e Feijóo para xerar emprego. Non poden pedir paciencia. Con 9.500 fogares da provincia con todos os seus membros no paro, os cidadáns non poden esperar máis”.

As políticas emprendidas pola Deputación de Lugo para reactivar a economía e crear emprego xiran sempre en torno ós sectores que mellor están a resistila crise e coas mellores posibilidades de futuro na provincia: o medio ambiente e os servizos sociais. A día de hoxe, a institución luguesa está a dar formación especializada e gratuíta a máis de 300 lucenses nestes ámbitos, mellorando deste xeito as súas posibilidades de inserción laboral. A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, fixo este balance hoxe na Pontenova, durante o acto no que entregou os diplomas acreditativos de asistencia ós 15 mariñanos que participaron nun curso de Auxiliar de Enfermaría en Institucións Sociais impartido pola institución provincial na localidade pontenovesa.

A Deputación xa impartiu este mesmo curso de enfermaría no Concello da Fonsagrada e na capital lucense, con 15 alumnos en cada un, e, ó mesmo tempo, ten en marcha na actualidade 15 accións formativas do plan de emprego Fórmate en Verde, nas que 302 persoas están a recibir formación e asesoramento técnico especializado que as capacitará para traballar por conta allea ou crear a súa propia empresa no sector da agricultura e a gandería ecolóxica, e na xestión forestal sostible.

“O paro necesita solucións urxentes”
Lara Méndez, que estivo acompañada no acto da Pontenova polo Alcalde, Darío Campos, recalcou que iniciativas coma estas certifican o esforzo que está a realizar o organismo provincial na loita contra o desemprego, a pesar de que non é a administración que ten as competencias directas neste ámbito. “O drama do paro necesita solucións urxentes, non paciencia, como nos están a pedir dende o Goberno central. Os cidadáns non poden esperar máis”, asegurou a Vicepresidenta, advertindo neste senso de que, segundo a última Enquisa de Poboación Activa (EPA), “na nosa provincia hai 31.600 persoas que non teñen emprego, delas, 5.841 na comarca na Mariña; a taxa de paro é o dobre que a de hai tres anos; o número de fogares lucenses con todos os seus membros no paro é de 9.500; e a metade dos mozos menores de 25 anos non pode acceder a unha ocupación”. “Quedou claro, e o propio Goberno así o recoñeceu, que as políticas actuais non serven. Fai falta un xiro, un compromiso político firme dos Executivos de Rajoy e Feijóo para impulsar o crecemento”, manifestou a Vicepresidenta.

Aposta polos servizos sociais
Os servizos sociais son un dos sectores de futuro polos que aposta a Deputación para crear emprego, pois son “un dos poucos que seguen a xerar emprego e nos que se ten constatado un aumento no país, tanto en número de traballadores –dun 26%-, como de empresas –dun 5,5%-, que prestan servizos neste eido dende o comezo da crise”, sinalou Lara Méndez, engadindo que as previsións tamén son positivas: “ata o 2015 prevese a xeración de, polo menos, 200.000 empregos brancos”.

Deste xeito, ademais de ser un dos eixos centrais do Pacto Provincial polo Emprego que o organismo lugués desenvolveu o pasado ano para facilitar a inserción laboral de 340 desempregados da provincia, a institución vén de impartir tres cursos teórico prácticos de auxiliar de enfermaría en institucións sociais, con 15 alumnos cada un: na Pontenova –onde hoxe entrou os diplomas a Vicepresidenta-, A Fonsagrada e Lugo.

No caso do ofrecido no Concellos pontenovés, constou de 468 horas de formación, entre a teoría e as prácticas, que os participantes desenvolveron no Centro Residencial de San Vicente de Paul, Vivenda Comunitaria de Vilaoudriz, Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro, residencia de Castro Ribeiras de Lea, residencia de maiores e centro de día de Burela, e residencia Santa María do Valadouro.

A Deputación tamén vén de clausurar a escola obradoiro Servizos á Comunidade, Atención Sociosanitaria a Persoas no Fogar, na que participaron 30 mozos lugueses durante un ano e medio.
As posibilidades do medio ambiente
En canto ó outro eixe da políticas de emprego da Deputación, o medio ambiente, na actualidade ten en marcha o programa Fórmate en Verde, co que “potenciamos unha actividade que se está a revelar como unha alternativa sólida para saír da crise en Lugo, sobre todo para a xente nova”, sinalou Lara Méndez. Así o indican os datos do Consello de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), que, no seu balance do pasado ano 2012, confirma á provincia de Lugo como a primeira de Galicia en volume de facturación, con 9,34 millóns de euros, e a segunda –despois de Ourense-, en cantidade de hectáreas, con máis de 6.400.

Tamén pon de relevo as grandes expectativas de crecemento do sector o feito de que, dende comezos da crise, en 2007, a facturación subiu un 20% ó ano en Galicia. Disparouse ademais o número de hectáreas dedicadas á agricultura orgánica, medrando un 90% na última década, así como a cantidade de operadores, pasando dos 217 do ano 2003 ós 607 inscritos no CRAEGA ó peche de 2012, o que supón un incremento do 64%.

A maiores dos 15 cursos nos que hoxe se están a formar 302 alumnos, nos vindeiros días arrancarán 11 novas accións formativas do Fórmate en Verde, con outros 200 alumnos. Para facilitar ó máximo a participación, os cursos desenvólvense en tres zonas da provincia, en función da importancia específica que cada sector obxecto do programa ten en cada unha delas: A Mariña é o centro de referencia da xestión forestal sostible; a zona centro, da gandería ecolóxica; e a Zona Sur, da agricultura ecolóxica. Deste xeito, a día de hoxe, hai 85 participantes en cursos da Mariña; 108, nos da zona centro; e 109, nos da Zona Sur.

O perfil maioritario dos alumnos é o dun home que se atopa no paro, de entre 25 e 40 anos de idade, e con terras en propiedade que pode dedicar á produción ecolóxica. A práctica totalidade posúe estudos, na súa maioría básicos, aínda que destaca a presenza de mozos con titulacións universitarias, como enxeñería agrónoma, licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, ou mesmo Arquitectura ou Socioloxía.

O feito de que a gran maioría sexan desempregados e que posúan terras propias significa que este programa, non só servirá para consolidar ou reconverter explotacións xa existentes, senón que confirma a súa verdadeira capacidade de inserción laboral.

Os interesados aínda poden anotarse
As persoas interesadas en beneficiarse desta oportunidade de futuro poden en calquera caso seguir anotándose, pois o proxecto conta con un mínimo de 900 prazas. Para anotarse deben entrar en www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse, cubrir o formulario correspondente e envialo dende a propia web. Cada persoa só pode solicitar un curso de cada sector ofertado: gandería e agricultura ecolóxica, e xestión forestal sostible. Poden anotarse desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

Exit mobile version