O evento será inaugurado por Rosa Quintana o vindeiro 23 de maio.
Burela, 15 de maio de 2013. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, inaugurará o vindeiro 23 de maio a XV Feira Náutico Pesqueira Expomar en Burela. O evento presentouse este mediodía no Concello. O alcalde, José Mª González Barcia, sinalou que “Expomar converte a Burela na capital da pesca do norte de España durante catro días”.
A XV Feira Náutico Pesqueira Expomar dará comezo o vindeiro 23 de maio. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, será a encargada de inaugurar esta cita ás 13 horas na nave de redes. O alcalde dixo que “ese mesmo día pola tarde terán lugar as xornadas técnicas, baseadas en aspectos que afectan de forma directa ao mundo da pesca e que preocupan tanto á actividade empresarial como a propia actividade mariñeira. O venres pola mañá celebraranse os encontros empresariais e a mediodía presentaranse as súas conclusións en rolda de prensa e xa pola tarde será a segunda xornada técnica baseada na comercialización. Este era un aspecto que ata o de agora non se estaba a tratar de forma profunda nos debates e nos foros que organiza Expomar ano tras ano, pero foron precisamente os comercializadores os que nos pediron a súa inclusión”. José Mª González Barcia sinalou que “tendo en conta que senón hai peixe non hai comercialización, sen dúbida para darlle maior valor engadido ao peixe unha boa comercialización, feita con criterio e con rigor, repercute de xeito positivo na actividade pesqueira”.
A organización agarda contar coa presenza do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, para o acto de clausura que se desenvolverá o domingo 26 de maio.
O presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela indicou que “o presuposto da feira é de 170.000 aproximadamente, que está cuberto basicamente polo importe do que se cobra aos expositores, aínda que tamén hai que destacar a aportación que fai a Consellería do Medio Rural e do Mar, un pouco menos a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Burela que aporta anualmente a cantidade de 12.000 euros para o funcionamento da Fundación Expomar”.
A XV Feira Náutico Pesqueira Expomar foi presentada xa hai uns días en Santiago e en Lugo e hoxe no Concello de Burela.