Méndez destacou a importancia de colaborar con este tipo de eventos, “que contribúen a impulsar os produtos autóctonos de calidade, así coma o trascendente traballo destas e de todas as mulleres que apostaron no seu momento polo rural, unha decisión clave na loita contra o despoboamento, sendo testemuñas de que o rural ofrece innumerables oportunidades de crecemento económico”. A Vicepresidenta felicitou ás participantes, “algúns exemplos das moitas mulleres que, combinando tradición e modernidade, loitan pola dignificación do noso agro”.
Pola súa banda, Sonia Méndez remarcou o feito de que o Concello lugués, con 54 parroquias e 300 núcleos de poboación, sexa escenario desta mostra, agradecendo á Deputación e á FADEMUR esta elección. Rosa Arcos tamén deu as grazas ó organismo provincial, “en especial a Lara por crer e compartir o noso proxecto”, e a Unións Agrarias, “porque co voso apoio facedes que as mulleres do rural sexamos máis forte e visibles”. Roberto García reivindicou que “en época de crise non podemos permitir recortes para quen máis o necesitan, para as mulleres, que son a esencia de vida das nosas aldeas e dunha provincia eminentemente rural como Lugo”.
19 emprendedoras procedentes de toda Galicia
Na carpa instalada na céntrica praza de San Marcos, os lucenses e visitantes poderán mercar variados artigos de artesanía e alimentación feitos por mulleres de toda Galicia e, por primeira vez, doutras Comunidades. As máis de 20 participantes nesta edición, 6 proceden de Lugo; 2 de Ourense; 4 da Coruña; 1 de Pontevedra; 4 da Rioxa; 2 de Cantabria e 1 de Castela León. Nos stands habilitados para á venda, dos que disporán de xeito totalmente gratuíto, porán á venda produtos de alimentación coma doces, queixos, viño, embutidos, así coma castañas e os seus derivados; e pezas de xoiería, cestería, téxtil, decoración, coiro e olería.
Coma novidades deste ano, a programación completarase con actividades paralelas para o público e as participantes: degustacións gratuítas dos produtos postos á venda; exposicións fotográficas sobre os procesos de traballo destas mulleres; demostracións en vivo e obradoiros nos que se abordarán novos xeitos de comercialización serán algunhas delas.
A mostra Fademur permanecerá aberta ata o vindeiro día 9 de xuño en horario continuado de 11:00 a 21:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.