Site icon Crónica3.com A Mariña

A liquidación dos orzamentos do 2012 do Concello de Mondoñedo ten un remanente de tesourería superior a 1,4 millóns de euros, segundo os datos do PP

Mondoñedo, 30 de setembro de 2012- O Partido Popular de Mondoñedo amosa a súa repulsa a aprobación dunhas contas municipais de “dubidosa credibilidade”, xa que de novo a liquidación dos orzamentos, neste caso para a anualidade 2012, presentan un remanente de tesourería de 1.420.585 euros, unha vez descontado un saldo de difícil cobro que ascende aos 272.908 euros. Así, o remanente total, é dicir, o saldo que permite coñecer, ao final do exercicio, a solvencia ou capacidade económica que ten unha administración para afrontar as súas débedas, é de 1.683.495,58 euros.

Ante estes datos, a voceira do PP no Concello de Mondoñedo, Elena Candia, manifesta o seu desconcerto ante esta situación que unha vez máis “poñen en dúbida as afirmacións públicas dun goberno local que alardea en todos os medios de comunicación e espazos públicos da mala situación económica que presentan as arcas municipais do concello de Mondoñedo”.

Segundo explica Candia, o seu grupo repulsa a aprobación dunha contas “caóticas” que non reflicten a “imaxe fiel” da situación municipal que pon de manifesto o bipartito.

Elevado custe investido na actualización da contabilidade municipal

Elena Candia lembra que mentres outros concellos elaboran a contabilidade con medios propios, o bipartito leva gastado, segundo datos do PP, máis de 40.000 euros primeiro na contratación dunha empresa externa para a actualización da contabilidade; máis de 30.000 euros aboados pola Deputación o ano pasado para a contratación dunha persoa, ao que se lle suma a aprobación de novo convenio coa administración provincial para o mesmo fin e coa mesma contía para a presenta anualidade; xunto a facturas aboadas por outras empresas.

A popular asegura que “o que si provoca perplexidade” é que logo dun gasto superior aos 12 millóns de pesetas, a contabilidade siga sen actualizar, e o resultado desproporcionado de remanente de tesourería deixa de novo en evidencia a credibilidade dos documentos elaborados ata o momento.

Asemade, os populares lamentan que a estas alturas o concello de Mondoñedo non dispoña duns orzamentos elaborados para o ano 2013.

Exit mobile version