A Mesa trasladou ao grupo Carrefour as queixas de varios clientes indignados polo trato que a nosa lingua recibe nos seus supermercados.
A empresa non explica a razón de que o galego reciba un trato diferente ás outras linguas cooficias do Estado.
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2013. – A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia un novo caso de discriminación lingüística, neste caso responsabilidade dos supermercados Carrefour.
Desde A Mesa puxémonos en contacto co servizo de atención á clientela de Carrefour para lles trasladarmos as queixas recibidas por varias persoas indignadas por esta nova exclusión do galego, e interesámonos por saber o motivo deste trato diferenciado. Lembrámoslles así mesmo que o galego é a lingua propia e oficial de Galiza e animámolos a usaren o galego con normalidade.
Porén, na resposta do grupo Carrefour non se explica a razón de que o galego reciba un trato diferente ás outras linguas cooficiais do Estado e limítanse a informarnos que “desde Centros Comerciales Carrefour cumplimos las normativas legales vigentes en las diferentes comunidades autónomas”, seguido do agradecemento protocolario nestes servizos.
Desde A Mesa insistimos en que ningunha empresa ofrece un servizo de calidade se ignora o idioma da súa clientela. Por iso animamos o conxunto da sociedade a que solicite a Carrefour que respecte o galego, o cal se pode facer a través desta ligazón:
http://www.carrefour.es/contacta-con-nosotros/contacta-particulares.asp
A Mesa pola Normalización Lingüística animou así mesmo a tod@s os galeg@s fartos de seren tratados como estranxeiras na propia patria a continuaren a loita iniciada por Rosalía hai 150 anos en defensa da nosa dignidade e participar activamente na manifestación nacional que este 17 de maio percorrerá as rúas de Compostela co lema NON QUEREMOS SER ESTRANXEIRAS NA PROPIA PATRIA. QUEREMOS GALEGO!