Site icon Crónica3.com A Mariña

A recoñecida actriz galega Camila Bossa será a encargada de presentar a 4ª Gala Lvcvs Moda benéfica

– Esta profesional da interpretación presentará o evento de moda con carácter benéfico que se celebrará o vindeiro día 8 de maio no Museo Interactivo de Historia de Lugo.
– Máis de cen profesionais farán posible unha Gala que será retransmitida por diferentes medios de comunicación e que reunirá ó mellor da creación e do deseño lucense.
– Os interesados en asistir poden facerse con algunha das entradas que aínda están á venda ó prezo de 20 euros nos establecementos dos deseñadores e peluquerías participantes
.

Finalmente será a actriz Camila Bossa a encargada de exercer de mestra de cerimonias da 4ª Gala Lvcvs Moda, que se celebrará o vindeiro día 8 de maio, a partires das 21:00 horas, no Museo Interactivo de Historia de Lugo. Esta actriz galega, nacida en Colombia, comezou no mundo da interpretación no teatro universitario, malia que moi cedo deu o salto ó cine e a televisión, medio este o que lle proporcionaría o prestixio e a popularidade coa que conta na actualidade, ó facerse rapidamente un rostro coñecido para os espectadores galegos.

Tras o seu debut no veterán programa da TVG Luar, tivo un dos seus primeiros papeis na serie Pratos Combinados. Pero se Camila Bossa debe a popularidade e o cariño do público a algunha das súas interpretacións, sen dúbida é a do personaxe de Belinda na serie Mareas Vivas. Esta serie marcou un fito na ficción feita en Galicia, e nela Bossa contou co compañeiros de escena a grandes actores coma Luis Tosar ou Luis Zahera, quen daba vida precisamente a Petróleo, marido de Belinda.

A carreira de Bossa na televisión está marcada polo éxito dos proxectos nos que se ten embarcado, xa que tamén formou parte do elenco de protagonistas da serie As Leis de Celavella ou a prestixiosa e repetidamente premiada Matalobos. Grazas ó seu papel de Adriana, Bossa recibiu o recoñecemento de público e crítica, o que amosa o galardón Mestre Mateo á Mellor Actriz de reparto no ano 2009. Tamén conta cun extensa experiencia en cine: actriz en numerosas curtametraxes e telefilmes, coma O don da dúbida, O club da calceta, 18 comidas, A Mariñeira ou El año de la garrapata, exitosa película filmada en Lugo e dirixida polo tamén lucense Jorge Coira. Na actualidade segue adicándose á interpretación, tanto en televisión coma en cine e teatro.

Participantes na Gala Lvcvs Moda
A Gala da Moda reedita unha vez máis o seu éxito. Máis de 100 profesionais participan directamente na gala, do mesmo xeito que en anteriores ocasións, e novamente a Fundación TIC levará a cabo un importante despregamento de medios, para dar cobertura a un evento que será seguido por numerosos medios de comunicación.

Ademais dos profesionais que estarán tras o escenario, enriba da pasarela amosaranse espectaculares deseños realizados cos materiais máis dispares: pel, coral, seda, plumas, encaixe e mesmo xuncos. Os artífices destas creacións serán cinco deseñadores: Inpe-Abrigo Verde, Luis Areñas para Manuel López, Montse Arias, René Velasco e Tina Cortón; un total de 17 artesáns agrupados en 14 firmas: Cecilia Carballo, Cesteríaviva, Corazóns Artesáns, En lá, Jara Rodríguez, M&N, Obradoiro, Otero y Fieiras, Paula Dimé, Ramón Álvarez, Rappa Taller, Sra. María, Vidal Revilla e Yanllan.

Este ano os 7 profesionais da imaxe presentes, Aluma, Attelier, Eduardo Souto, Gala Group, Miriam Souto, Mohama e Pardo Peluqueros, ofrecerán ós asistentes un show de peluquería, no que os imaxinativos peiteados serán o centro do desfile e non parte do estilismo.

Tamén hai moitas firmas que queren colaborar con esta Gala benéfica prestando o seu apoio: Adamascada Asesor de Imagen, Area, Arte Floral Rabel, Cuplé, Dick&Paul, Joyería Senén, Messalina, Modesto Santa Eularia, Porta Castelli, Ramón Rebolo, Rochas, Torques, Zapaterías Cortés, Lolita Blú, IES Muralla Romana, Mesón de Alberto, Restaurante Koki García, Cuqui Bakes, Estrella Galicia, Begano-Coca Cola e Vriopack, contribuirán a facer desta cita benéfica un evento destacado no calendario lucense.

Exit mobile version