O concerto terá lugar o vindeiro luns día 6 de maio no Salón de Actos do Centro Lug II e estará impartido polos mestres da Tradescola Bruno Villamor e Gerardo Quintela.
Asistirán alumnos de 1º de ESO de El Casal (Castellar del Vallès, Barcelona), que forman parte deste proxecto educativo intercultural.
Lugo, a 4 de maio de 2013. O vindeiro día 6 de Maio ás 11.00 horas, a Tradescola colaborará co proxecto Galauda impartindo un concerto didáctico de música tradicional no salón de actos do Centro LUG II, dirixido aos alumnos de 1º de ESO de El Casal (Castellar del Vallès, Barcelona), que forman parte deste proxecto educativo intercultural.
O Proxecto Galauda, naceu na Secció de Filologies Gallega e Portuguesa da Universidade de Barcelona, é un proxecto educativo intercultural que pretende provocar nos adolescentes unha percepción da diversidade lingüística e cultural como unha necesidade incuestionable para as sociedades actuais.
Cada ano o alumnado catalán fai unha viaxe a Galicia e nesta ocasión aloxaranse na cidade de Lugo.
Nesta ocasión, a Tradescola colabora con este proxecto, organizando un concerto didáctico no que os escolares coñecerán os distintos instrumentos, ritmos, e formacións protagonistas da música tradicional e popular galega, así como a evolución dos instrumentos e formacións musicais que protagonizaron a historia da música galega nos últimos dous séculos. O concerto estará guiado polos mestres da Tradescola, Bruno Villamor e Gerardo Quintela.
Esta actividade está enmarcada dentro do conxunto de actividades realizadas pola Tradescola co propósito de acercar a cultura tradicional galega a toda a poboación. A Tradescola, a maiores das clases semanais que imparte a máis de 220 alumnos, e no seu afán de incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual, organiza cursiños monográficos e realiza outras actividades como charlas, exposicións, concertos, mostras e xornadas ao longo do ano. A Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) a través da Tradescola, mostra así a súa inquedanza por manter vivas as nosas tradicións e conservar, promocionar e difundir a nosa cultura.