Site icon Crónica3.com A Mariña

A última fase das obras do pavillón de Ribadeo será de 544.000 euros e cun prazo de execución de tres meses

Foto pavillon RibadeoRibadeo, 10 de maio de 2013. Sae a licitación a última fase das obras de reforma e ampliación do pavillón polideportivo municipal de Ribadeo, segundo anunciaba esta mañá o alcalde, Fernando Suárez. O investimento será de 544.000 euros e o prazo de execución de tres meses. O rexedor dixo que a tramitación é polo procedemento urxente e aberto e agarda que “encarreiremos definitivamente esta obra que nos quedou parada por mor da crise e da situación económica e o Concello foi vítima do ocorrido”.

O rexedor dixo que “por fin despois de moitas semanas de traballo xurídico e administrativo, despois de que o pleno da Corporación rescindira o contrato do pavillón, a UTE formada por dúas empresas por non cumprir co comprometido a realizar en prazos, agora novamente volvemos sacar a licitación a parte final e pendente para o remate da obra de reforma e ampliación do pavillón polideportivo municipal de Ribadeo. O custe dos traballos será de 544.000 euros e un prazo de execución de 3 meses”.

Fernando Suárez explicou que “a tramitación é por procedemento urxente e aberto a todas aquelas empresas que cumpran os criterios que se especifican no prego de cláusulas administrativas e no prego de condicións”.

O alcalde de Ribadeo agarda que “encarreiremos xa de xeito definitivo esta obra que nos quedou parada por mor da crise e desta situación económica que estamos a vivir, onde ás veces as empresas adxudicatarias non poden cumprir os seus compromisos e ao final o Concello foi vítima desta situación económica. Agardemos que poidamos reanudar e solventar con éxito estas obras. E que os veciños e as veciñas de Ribadeo poidan disfrutar canto antes desta instalación tan importante para o deporte de base local, non só fútbol sala e baloncesto, senón multitude de deportes e de actividades que se poderán levar adiante neste pavillón polideportivo municipal”.

Exit mobile version