Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta avanza no gasoducto da Mariña que dará cobertura a 55.000 galegos para mellorar o tecido empresarial da comarca

alberto nunez feijoo preside a reunion do consello da xunta foto: ana varelaO Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do gasoduto da Mariña lucense. Esta infraestrutura discorrerá polos municipios de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro e permitirá o acceso ao gas a máis de 55.000 habitantes e ao tecido empresarial da comarca.

O proxecto, que conta cun orzamento superior aos 26 millóns de euros, será desenvolvido pola empresa Gas Natural Transporte, SDG, conectando, a través de case 65 quilómetros, o gasoduto Llanera-Vilalba, xa existente, cun novo punto de subministración que se situará no termo municipal de Viveiro. Ademais, nos sete municipios que atravesa a infraestrutura está prevista a instalación de estacións de regulación e medida para a correcta subministración do gas entre a poboación.

Así mesmo, o gasoduto permitirá subministrar gas natural ás empresas da Mariña, destacando de modo especial a planta de Alcoa en San Cibrao, que, grazas a esta infraestrutura, poderá completar o proceso de transformación das súas instalacións de fuel oíl a gas.

Deste xeito, a compañía, que ten previsto investir 30 millóns de euros para dita modificación, obterá unha importante mellora na súa competitividade ao acadar importantes aforros económicos. Así mesmo, a substitución permitirá diminuír nun 26% as emisións de CO2 á atmosfera, evitando a emisión de 250.000 toneladas ao ano.

O desenvolvemento desta infraestrutura supón un paso fundamental na política enerxética da Xunta, na cal a gasificación da Comunidade se considera prioritaria para avanzar na mellora da calidade de vida da cidadanía e no incremento da competitividade do tecido empresarial.

Incremento da penetración do gas natural

Neste sentido, e no marco da planificación enerxética, o Goberno galego traballa na creación dunha infraestrutura de transporte e distribución de gas que ten facilitado, nos últimos catro anos, unha mobilización de 90 millóns de euros para potenciar investimentos que incrementen a penetración de gas natural. Grazas a isto, Galicia conta nestes momentos cunha rede de distribución que supera os 2.500 quilómetros.

Deste xeito, 63 municipios, máis do 64% da poboación galega, teñen xa acceso ao gas natural, o que supón máis de 230.000 vivendas con subministración, preto de 24.000 vivendas máis que en 2009. Neste eido, o obxectivo do Goberno galego para os vindeiros anos é incrementar esta cifra dándolle acceso ao gas natural ao 75% da poboación de Galicia.

Exit mobile version