Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inspecciona as novas instalacións que ocupará o centro de formación ocupacional de Burela

Foto visita centro formación ocupacional BurelaBurela, 7 de maio de 2013. A Xunta realizou hoxe unha inspección das novas instalacións que ocupará o centro de formación ocupacional. O concelleiro de Emprego, José Casas, subliñou que “debe reunir todos os requisitos que esixe a lei para poder impartir nel todo tipo de cursos”.

Casas explicou que “o centro de formación ocupacional de Burela, que está ubicado en Suafonte, trasládase ás inmediacións do parque Tíjola, ás dependencias municipais que temos alí e que se foron baleirando ao cambiar algúns servizos e oficinas para a praza de abastos. Agora gañamos en amplitude e en espazo. A Xunta acudiu esta mañá a inspeccionar as novas instalacións para ver a súa adecuación ás normas en canto a homologación de locais para poder impartir cursos de formación. As perspectivas son boas, os funcionarios da Xunta dixeron que estas instalacións están moi ben”.

O edil popular indicou que “se fixo un aseo adaptado para discapacitados, e realizáronse outros traballos de mellora no novo local. Agora toca agardar a que a Xunta emita o informe correspondente, ou si nos manda facer algo máis para cumprilo. En principio a inspección foi positiva. Haberá que agardar si nos piden facer algunha máis e continuar cos trámites necesarios para lograr esa homologación”.

José Casas sinalou que “os locais de Suafonte non reunían todos os requisitos que se recollen na normativa para cumprir cos criterios de homologación. O centro de formación ocupacional aínda que estaba homologado, para algúns cursos non cumpría e tiñamos un problema porque si queres seguir impartindo cursos hai que contar cos locais axeitados para elo. Agora imos ben, polo bo camiño e con relativa rapidez”.

O concelleiro de Emprego lembrou que “o centro ocupacional de Burela comezou a funcionar no ano 1996 e ao pouco tempo xa conseguiu a homologación e foi un dos primeiros centros de formación ocupacional homologados na provincia de Lugo, pero os requisitos cada vez son máis esixentes, tocáramos teito e agora houbo que mellorar as instalacións para seguir acollendo diversos tipos de cursos”.

As novas instalacións ás que se trasladará o centro de formación ocupacional de Burela foron visitadas esta mañá polo alcalde, José Mª González Barcia, os concelleiros de Obras e Emprego, Manuel Fernández Valle e José Casas, e polo director do devandito centro José Manuel Ferreira.

Exit mobile version