Arias destacou que as agrupacións de Protección Civil están “agora máis asistidas” grazas á posta en marcha de servizos profesionais de emerxencia na provincia, “pero seguen sendo igualmente necesarias”.
A delegada participou no Curso básico de Protección Civil que inicia a programación deste primeiro semestre, e no que participan 20 persoas dos concellos de Pol, A Pontenova, Baleira, Palas de Rei, Portomarín, Lugo, Chantada e Quiroga.
A finais de mes terá lugar un curso similar en Vilalba, para voluntarios e voluntarias deste concello e de Guitiriz, Cervo, Barreiros e Ribadeo. Completan o programa dous cursos sobre busca de persoas en zonas illadas, un sobre incendios urbanos e forestais, e outro sobre accidentes en estradas. En total, 150 persoas participarán nestas seis accións formativas programadas.
Da organización e impartición dos cursos, que suman preto de 200 horas de formación, encárgase a Dirección Xeral de Emerxencias, en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública.
A delegada recoñeceu “o traballo desinteresado” das agrupacións de voluntarios de Protección Civil, “que son de gran axuda para os concellos e que durante demasiado tempo careceron do soporte duns servizos de emerxencia profesionais próximos cos que colaborar”.
“A atención ás emerxencias do conxunto da poboación foi unhas das prioridades do actual goberno da Xunta –explicou Arias-, o que levou primeiro a desbloquear o Consorcio de Bombeiros e agora a constituír os Grupos de Emerxencia Supramunicipais” (GES).
Deste xeito, apuntou, “créase unha rede profesional e eficaz de servizos de emerxencia, con seis parques comarcais de bombeiros e sete GES, que estenden a cobertura a toda a provincia e garanten unha resposta rápida ante as situacións de emerxencia”.
Arias puxo de relevo a colaboración tanto de Protección Civil como dos corpos de seguridade, Garda Civil, Policía Nacional, Policía autonómica, e policías locais, ou dos servizos sanitarios, “todos baixo a coordinación do 112 para responder con eficiencia ás necesidades dos cidadáns en situacións de risco”.