Santiago, 24 de maio de 2013.- A Xunta de Galicia trasladou hoxe ás cooperativas socias de Alimentos Lácteos que continuará apoiando o proxecto sempre que se atope un socio industrial solvente que achegue experiencia, capacidade de xestión e capacidade financeira.
Durante un encontro mantido hoxe en Santiago entre os conselleiros de Economía e Industria, Francisco Conde, e Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, salientouse que o total apoio da Xunta de Galicia ao proxecto, desde a súa creación en 2010, reflíctese na achega ao longo destes anos de preto de 6 millóns de euros para impulsar a viabilidade da empresa. Deste xeito, lamentaron que o grupo que amosou compromiso co proxecto e que contaba co visto bo de cooperativistas e Administración decidira retirarse no último momento e non apostar por Alimentos Lácteos.
A pesar da complexa situación que está a atravesar a empresa a Xunta sigue disposta a achegar máis capital sempre que un socio industrial se sume cun grao de implicación serio, responsable e solvente, xa que “é a única forma de garantir o futuro do proxecto e os postos de traballo” salientaron.
Os conselleiros subliñaron que a Xunta seguirá a traballar do lado das cooperativas e os traballadores e “segue e seguirá” apostando pola empresa “sin escatimar esforzos” para darlle viabilidade a este proxecto lácteo de base cooperativa.