Site icon Crónica3.com A Mariña

ACISA Ribadeo sorteará este mércores os 600 euros en vales de compra da campaña do Día da Nai

Ribadeo, 7 de mayo de 2013. As rúas de Ribadeo enchéronse de flores o pasado domingo para agasallar ás nais. En total, repartíronse 2.300 cravos. A directiva da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos fai un balance moi positivo da iniciativa “que levamos organizando varios anos e que gusta moito. Tivemos a sorte ademais de contar cun tempo fantástico este ano, co que o día da nai foi marabilloso”.

ACISA tamén pon en xogo 600 euros en vales de compra. O sorteo terá lugar mañá pola tarde nas súas instalacións na Avenida de Galicia, 20. O primeiro premio está dotado con 300 euros, o segundo con 200 euros e o terceiro con 100 euros. Todas as persoas que realizasen as súas compras do Día da Nai no comercio asociado de Ribadeo cubriron as papeletas que lles entregaron cos seus datos. “Mañá mércores todas estarán nunha urna desde a que unha man inocente extraerá as tres afortunadas”, explican desde a directiva.

Expovacaciones
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos está moi satisfeita de acudir a Bilbao á feira de turismo Expovacaciones. A xerente de ACISA, Beatriz Irigoyen, sinalou que “centos de persoas se acercaron ó stand de Ribadeo, co que acudimos desde a asociación e desde o Concello, a solicitar información de hoteis, restaurantes, de cousas que facer en Ribadeo, de lugares que visitar… Foron catro días moi intensos nos que intentamos dar a coñecer toda a nosa riqueza entre os vascos e os cántabros”. Irigoyen engade que “Ribadeo non é descoñecido para eles e moitos nos comentaron que teñen intención de viaxar a esta zona en fin de semana ou nalgunha ponte, que é o que realmente perseguimos acudindo a estas feiras, tanto a Bilbao coma a Valladolid, que as súas xentes poidan visitarnos en calquera época do ano, non só durante o verán”.

Entre todas aquelas persoas que pasaron polo stand de Ribadeo do 2 ó 5 de maio sorteáronse varias estancias de hotel e 200 euros en vales de compra de ACISA para que os afortunados poidan gastar no comercio ou na hostalería local no momento en que decidan achegarse á localidade.

Exit mobile version