Os estudantes da EIS, o único centro público da provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual, encargáronse de executar a totalidade do proxecto, dende a produción e edición ata a postprodución do mesmo, no módulo de montaxe co que contan na Escola. O froito deste traballo darase a coñecer durante un Obradoiro sobre a Esclerose Múltiple, que se celebra esta tarde, a partires das 20:00 horas, no HULA. Durante o encontro daranse a coñecer aspectos desta enfermidade, coma as súas manifestacións clínicas, diagnóstico e tratamento, así coma os procedementos máis axeitados para ensinar a pacientes e familiares as habilidades precisas para afrontar o proceso da enfermidade.
Pola inserción laboral
ALUCEM é unha das máis de cen asociacións sen ánimo de lucro coas que a Fundación TIC ten asinado convenios co dobre obxectivo de divulgar o seu labor ó tempo que os alumnos realizan prácticas reais e os titulados contan cun completo programa de bolsas que melloran as súas posibilidades de inserción laboral de todos eles. Ademais, a TIC mantén contacto con 70 empresas do sector audiovisual que contan a miúdo con alumnos e bolseiros, o que lles permite realizar traballos profesionais de xeito habitual.
A Escola de Imaxe e Son de Lugo oferta 44 prazas, 22 para cada un dos módulos superiores: Realización e Produción de Audiovisuaise conta con matrícula gratuíta dende hai cinco anos para todos os alumnos, agás os repetidores, co fin de apoiar un ensino público de calidade e accesible a todos.