Site icon Crónica3.com A Mariña

Raquel Arias confirma que a Xunta rematará este mes as obras de mellora da LU-162 en Cangas de Foz

090513 Remate de obras na LU-162 (1)A delegada territorial destacou que o proxecto, que da resposta a unha vella demanda dos veciños, permite “proporcionar aos cidadáns e usuarios desta estrada unha vía máis segura e cómoda co obxectivo de evitar a sinistralidade”.

Esta actuación ven a completar os traballos realizados hai uns meses no mesmo vial e que consistiron na rehabilitación do firme, sinalización e mellora dos sistemas de contención, logo dun investimento de case dous millóns de euros.

Foz, 9 de maio de 2013.- A delegada territorial, Raquel Arias, confirmou hoxe que o Executivo galego rematará este mesmo mes de maio as obras de mellora acometidas durante o presente ano na estrada LU-162 ao seu paso pola localidade de Cangas de Foz, pertencente ao concello de Foz.

A delegada territorial, que hoxe mesmo visitou a actuación, practicamente ultimada, acompañada polo alcalde da localidade, Javier Jorge Castiñeira, indicou que os traballos, que supuxeron un investimento de 235.000 euros, permitiron a construción de beirarrúas na estrada LU-162 ao seu paso por Cangas de Foz. “Con esta actuación, mellóranse as condicións desta estrada, proporcionando aos cidadáns e aos usuarios unha vía máis segura e cómoda co obxectivo de evitar a sinistralidade”, destacou Arias.

O proxecto desenvolvido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas dotou de beirarrúas a estrada, en ambas marxes, ao longo de 515 metros do tramo urbano da vía, que conecta Cangas con Ferreira de Valadouro.

A representante do Executivo galego na provincia lembrou que se trata dunha vía de conexión da comarca da Mariña que rexistra elevadas densidades de tráfico, estimándose que o radio de poboación beneficiada –de Foz e os concellos do entorno- supera os 26.000 habitantes.

Esta actuación, segundo significou Arias, “ven a completar as obras de mellora realizadas” hai uns meses neste mesmo vial e que consistiron “na rehabilitación do firme da estrada, sinalización, balizamento e mellora dos sistemas de contención, para o que se investiron preto de dous millóns de euros (1.913.385,64 euros)”.

Estas obras, cuxo proxecto foi realizado polo enxeñeiro da Delegación Territorial de Lugo, Carlos Escudero -tamén presente na visita de hoxe-, dan resposta a unha vella demanda dos veciños da zona e á solicitude do propio alcalde focense.

Ademais, a execución do proxecto permitiu dotar dunha rede de augas pluviais en cada marxe da estrada, mediante tubos de PVC de 400 mm. de diámetro, conectándoas coas redes existentes para o desaugue. Ao longo dos tramos dispuxéronse pozos de rexistro cada 60 metros e sumidoiros sifónicos cada 30 metros, para poder evacuar a auga procedente da calzada. Pola súa banda, as beirarrúas foron construídas con baldosa hidráulica de 30×30 centímetros, sobre morteiro, formigón e zahorra artificial, con bordelo de formigón bicapa.

Exit mobile version