Esta primeira etapa, de 142 quilómetros, ademais de pola capital da provincia, transcorreu polos concellos de Castro de Rei, Castro de Ribeiras de Lea, Outeiro de Rei, Rábade e Begonte, e nestes dous últimos disputáronse dous sprints especiais.
Unha vez finalizada a carreira, procedeuse á entrega de premios na que participou o delegado de Cultura. Juan Pérez Martín, do Gomur Cantabria Deporte, proclamouse campión desta fase, de maneira que, polo de agora, lidera a clasificación xeral. O mellor ciclista galego foi Enrique Salgueiro Alonso, do equipo Rías Baixas.
A VI Volta ás Comarcas, na que participan 16 equipos de ámbito nacional, estatal e internacional, desenvólvese durante toda esta fin de semana en tres etapas distintas. A segunda etapa será mañá, sábado 1 de xuño, na Mariña, con saída e chegada en Ferreira do Valadouro; e a terceira terá lugar na zona Sur, o domingo 2 de xuño, con saída e chegada no Incio.
A área de Deporte da Deputación de Lugo puxo en marcha hai xa seis anos a Volta Ciclista ás Comarcas Lucenses, unha proba que, a día de hoxe, logrou asentarse no panorama nacional do ciclismo e avanza un chanzo máis no conxunto de probas do Estado español, nunha época na que competicións deste tipo están claramente en recesión debido ao mal momento económico que atravesa o deporte en xeral e o ciclismo en particular.