Site icon Crónica3.com A Mariña

Arrinca o curso Decora a túa roupa no Centro de Artesanía e Deseño

– Oito alumnos comezan hoxe un curso co que poderán aprender diferentes técnicas para dar unha nova vida a prendas que gardan pó no fondo dos armarios
– Esta acción formativa desenvolverase de luns a xoves dende hoxe e ata o vindeiro 31 de maio, de 10:00 a 12:00 horas nas instalacións do Pavillón 4 do CENTRAD
– Só restan por comezar dous cursos dos 19 programados para esta primavera, que se celebrarán no Obradorio de Cestaría do Rato e en Ribadeo. O prazo de inscrición remata cinco días antes do comezo de cada unha das accións formativas

Hoxe dá comezo “Decora a túa roupa”, curso organizado polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, dirixido a oito alumnos, que forma parte da programación da tempada de primavera do CENTRAD. Tal e como ven facendo con éxito de convocatoria dende hai anos, a Deputación pon en marcha esta iniciativa de formación en diversas técnicas artesanais e de deseño para potenciar esta actividade tanto entre os profesionais, co obxectivo de potenciar un sector clave para a provincia, como entre o público en xeral, ofrecendo unha formación atractiva e cun marcado carácter practico para o día a día, como é o caso deste curso.

Deste xeito, hoxe dá comezo “Decora a túa roupa”, impartido por Dolores Palacios, que se desenvolverá ata o vindeiro 31 de maio, de luns a xoves, ata completar un total de 30 horas. Os alumnos aprenderán a realizar bosquexos, pasar fíos ou bordar e outras técnicas baratas e sinxelas para renover o aspecto daquelas prendas fóra de uso ou de tempadas pasadas, algo máis útil se cabe nestes tempos.

Un curso máis para a primavera
A oferta de cursos prevista para os meses de primavera, que consta de 19 accións formativas, moitas das cales aínda se están a desenvolver en diferentes localizacións da provincia, complétase con outros dous que darán comezo este mes e o vindeiro.
Este xoves arrinca en Ribadeo “Cestaría de reciclaxe”, a cargo de Idoia Cuesta. Nel, 10 alumnos aprenderán a realizar pezas de cestaría con técnicas tradicionais, pero empregando materiais de refugallo.

No mes de xuño, pechará a programación de primera “A arte de cestear. Esculturas en vimbio”. Ofrece 12 prazas e se desenvolverá a partir do 3 de xuño, de luns a venres, de 16 e 21 horas. O prazo de inscrición para este curso, cuxo prezo de matrícula é de 12 euros –que inclúe o custe do material-, remata cinco días antes do comezo do mesmo.

Exit mobile version