As traballadoras deste programa dependente da Deputación Provincial manifestan a súa intención de emprender accións legais se continúan estes “inxustificados ataques á súa honorabilidade”.
“Ante as infamias difundidas en medios de comunicación nas que se realizan unha serie de afirmacións absolutamente tendenciosas, inexactas e, no seu conxunto, falsas”, as guías do programa Km0 dependente da Deputación Provincial, queren manifestar que:
1º.- Na nosa calidade de guías de Km0 –funcionarias da Deputación de Lugo- en ningún momento presentamos escrito de denuncia algunha nin na Deputación nin na Fiscalía poñendo de manifesto irregularidades na xestión de dito programa.
2º.- Nunca acusamos de connivencia ós empresarios que prestan servizos para este programa con ningún funcionario da institución provincial. Polo contrario, absolutamente todos os pagos en metálico que realizamos na execución do programa teñen que estar xustificados, ata o último céntimo, mediante a correspondente factura, indispensable para a posterior fiscalización dos fondos por parte da Intervención provincial.
3º.- Nosoutras nunca ratificamos denuncia algunha, en calidade de testemuñas ante a Fiscalía sobre a xestión do programa.
4º.- No momento de prestar a nosa declaración coma testemuñas exhibíusenos un escrito presuntamente constitutivo da denuncia no que foran falsificadas sinaturas, circunstancia que puxemos en coñecemento do fiscal xefe e motivo polo cal solicitamos pola nosa parte a intervención dun perito caligráfico para contrastar a súa autoría. Tamén na nosa declaración manifestamos que non estábamos de acordo con ningunha anomalía económica recollida en dito escrito.
5º.- Por último, sinalar que non toleraremos por máis tempo esta intromisión ilexítima na nosa actividade profesional, utilizando para iso mentiras co obxecto de desacreditarnos laboralmente e que teñen a súa orixe nunha burda utilización para intereses totalmente alleos á nosa actividade e desenvolvemento normal do programa km0 e da institución provincial.
Por todo o exposto, as guías do km0 advirten que “no suposto de que continúen estes inxustificados ataques á nosa honorabilidade, exerceremos as acciones legais que nos amparen en defensa dos nosos dereitos”.