Site icon Crónica3.com A Mariña

As praias de A Marosa e O Portelo, o barco museo e a aula Gaia obtiveron as bandeiras azuis

Burela, 23 de maio de 2013. As praias de A Marosa e O Portelo, o barco museo Reina del Carmen e o centro medio ambiental Gaia obtiveron as bandeiras azuis neste 2013. Burela recibe tamén unha distinción temática pola información e educación ambiental.

O alcalde, José Mª González Barcia, sinalou que “é unha satisfacción repetir as bandeiras azuis que o ano pasado conseguimos e que levamos conseguindo xa desde hai moito tempo. É dicir, que A Marosa e Portelo repitan a bandeira azul para nosoutros é unha satisfacción, énchenos de orgullo. O que temos que facer é recoñecer publicamente aos usuarios a súa labor de concienciación, porque por moito esforzo que faga o Concello en manter as praias en condicións sen a colaboración dos usuarios non sería posible”.

O rexedor dixo que “outra aposta tamén importante foi a que fixemos no seu momento, e eu recordo que isto fíxoo un goberno do Partido Popular, polo barco museo Reina do Carmen e pola aula de educación ambiental Gaia. Que estes dous centros medio ambientais repitan galardón respecto a anos anteriores a verdade é que tamén nos enche de satisfacción e aparte é un reto para continuar traballando tanto nas praias como no propio barco e na aula de educación ambiental Gaia”.

González Barcia subliñou “un aspecto importante é esa distinción temática en materia de información ambiental, que ven corroborar o compromiso que o Concello de Burela tivo sempre neste campo. E eu quero recordar que o noso Concello foi o primeiro que tivo concelleiro delegado de Medio Ambiente incluso antes de que tivera conselleiro de Medio Ambiente a propia Xunta de Galicia”.

O alcalde burelés considera que “isto en primeiro lugar é para estar moi satisfeitos e moi contentos cos galardóns obtidos, en segundo lugar hai que agradecerlle aos cidadáns a súa participación de forma activa para que estes galardóns se puideran ter conseguido e en terceiro lugar temos que asumir ese reto de continuar traballando na mesma liña porque creo que a liña que se leva seguido desde hai moitos anos, e neste sentido teño que recoñecer que o propio goberno bipartito tampouco a rompeu, é a liña boa e dá, como se ve, os seus froitos”.

Exit mobile version