Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro marca como principal reto do PSdeG “deter a hemorraxia social” do despoboamento e a emigración en Galicia

IMG_1770José Ramón Gómez Besteiro, aspirante á secretaría xeral do PSdeG, reuniuse esta tarde noite en Becerreá coa militancia da comarca da Montaña lucense para presentar o seu proxecto de partido con medidas internas pero “sempre con Galicia de fondo”. Así, o socialista marcou como principal reto para o PSdeG “repensar Galicia” para “deter a hemorraxia social” do despoboamento e da emigración para “poder crecer cun proxecto político de país, social e de esquerdas que nos permita ser nós mesmos”. Gómez Besteiro alertou de que este reto é “o maior que ten Galicia”, xa que é un problema “silencioso” que require “altura de miras a longo prazo” para solucionalo. “Os socialistas temos que reivindicar os nosos valores e facer un proxecto de futuro para loitar contra o curtopracismo que quere impoñernos o PP coa asfixia diaria de tratar de frear as súas medidas”, afirmou.

Gómez Besteiro lembrou que “Galicia é o lugar máis envellecido do mundo despois de Xapón, e isto xa non é un problema do interior, senón que afecta cada vez máis tamén ás provincias do Eixo Atlántico, que deben velo como propio”. Os socialista puxo como exemplo demográfico grave o caso da Montaña lucense, na que en case todos os municipios preto do 40% da poboación está por riba dos 64 anos, con casos como o de Ribeira de Piquín ou Navia de Suarna, co 44,13% e o 47,20% respectivamente. O socialista advertiu de que “o custo desta hemorraxia social é incuantificable”.

Por todo isto defendeu poñer en marcha medidas como o cooperativismo, o traballo en rede, a organización da produción autóctona cara o comercio internacional, a produción baseada na calidade e no valor engadido que complete os ciclos produtivos –“vendemos leite pero mercamos iogures”-, un mellor ordeamento territorial ou a aposta polas novas tecnoloxías e os servizos sociais nas zonas máis depoboadas para “que non obriguen aos galegos e galegas a emigrar para poder traballar ou a ter que xubilarse nas cidades”. O aspirante á secretaría xeral do PSdeG chamou a “non lamentarse, senón reaccionar, porque os socialistas temos a responsabilidade de actuar e non queda máis tempo”. Gómez Besteiro lembrou que desde a Deputación teñen actuado neste sentido dentro das súas posibilidades e que contan con estudos pioneiros de expertos “con medidas moi concretas para apostar polas políticas de crecemento” que “lle devolvan a autoestima a Galicia, xusto ao contrario do que provoca o PP, que é a resignación”.

Exit mobile version