Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela celebrará o Día Mundial do Medio Ambiente cunha mesa redonda sobre a tradición das hortas urbanas na vila

OLYMPUS DIGITAL CAMERABurela, 31 de maio de 2013. A Delegación Municipal de Medio Ambiente organiza unha mesa redonda titulada Burela, ¿labrega ou mariñeira? e na que se abordarán a tradición das hortas urbanas en Burela e as prácticas recomendables para un manexo ecolóxico dos cultivos. O acto será o vindeiro 6 de xuño, no Salón de Conferencias de Burela, na rúa do Correo. A actividade foi programa para celebrar o día mundial do medio ambiente.

A concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, invita “a tódolos veciños/as a participar nesta mesa redonda e agradece de antemán a colaboración desinteresada dos ponentes da mesma: a doutora en Historia, Herminia Pernas Oroza, que introducirá a mesa cunha ponencia titulada Burela, onde o mar ficou sorprendido de ver tanto labradío mariñeiro; as veciñas Dolores Vispo Ben, Antonina Semedo Lopes e Mª José Rodríguez Pernas, que relatarán as súas experiencias no manexo dos cultivos na súas hortas e o agricultor ecolóxico, Edmundo Maseda, que disertará sobre o manexo ecolóxico dos cultivos”.

A edil popular sinalou que “únense nesta mesa a reflexión sobre a herdanza socio-cultural de Burela e a necesidade de promover actuacións que diminúan o impacto ambiental sobre a biodiversidade do chan, o consumo responsable de auga na produción hortícola, a sensibilización respecto da calidade dos produtos consumidos e a posta en valor dos produtos locais que xeran un menor impacto no medio ambiente”. E lembrou que “precisamente este ano o día mundial do Medio Ambiente ten por obxectivo reducilos desfeitos e as perdas de alimentos promovendo unha campaña cuxo lema é Pensa. Aliméntate. Aforra”.

Desde a Concellería de Medio Ambiente inciden en que “segundo a Organización de Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), cada ano desperdícianse 1,3 billóns de toneladas de comida. Ao mesmo tempo, unha de cada sete persoas do planeta vanse á cama famentas e máis de 20.000 nenos de menores de 5 anos morren de fame cada día”.

Patricia López Eijo subliña que “ata o de agora das 32 actividades inscritas, na conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, a celebrar en España, Burela é o único representante de Galicia”.

Exit mobile version