Site icon Crónica3.com A Mariña

Cinco anos co fútbol sala feminino de Burela

Era aló polo verán do ano 2008 cando, dende a Concellería de Deportes que eu representaba no daquela goberno municipal de Burela, decidimos apostar polo fútbol sala feminino e propuxémoslle ao Club Burela FS completar a súa tarefa deportiva co deporte base e co equipo masculino integrando tamén o equipo feminino que, con base en Foz, competía naquel momento na División de Prata do Fútbol Sala.

Así, co noso apoio institucional e económico, o fútbol sala feminino chegou á nosa vila da man do Burela FS Pescados Rubén, un club que, cunhas escolas deportivas apostando polo deporte base e cun equipo masculino e agora outro feminino, se convertía no referente do fútbol sala non só na Mariña senón tamén a nivel provincial e a nivel galego.

E aquí comezou a miña andaina persoal e deportiva co fútbol sala feminino, unha nova experiencia neste deporte no que xa tiñamos abondosas mostras de boa afección co equipo masculino.

Durante a tempada 2008-2009 o equipo feminino competiu na División de Prata e representou a nosa vila por todo o territorio español. E, dende a Delegación de Deportes do Concello demos un paso máis e aló polo mes de xaneiro de 2009 decidimos instaurar o “Trofeo Raíñas Meigas” de FSF que durante tres anos se celebrou en Burela por volta das vacacións de Nadal. Tres Trofeos que, por suposto, gañaron as nosas xogadoras nas tres edicións.

Mais, esa tempada 2008-2009 aínda nos tiña reservada algunha satisfacción máis: en maio de 2009 o noso equipo feminino consegue o ascenso á División de Honra. Alí, en Santo Domingo da Calzada, estivemos apoiando e sufrindo co equipo e a súa chegada a Burela despois desta xesta deportiva foi un momento de grande emoción e un fito histórico no deporte burelao: un club, o Burela FS Pescados Rubén tiña un equipo feminino na elite do fútbol sala e un equipo masculino loitando tamén polo seu ascenso.

O ano 2009 aínda non rematara e, en setembro, o Burela FSF proclámase Campión da Copa Xunta. Que máis se podía pedir? Foi un grande ano para o fútbol sala feminino de Burela.

E a cousa non facía máis que empezar: clasificación para a Copa de España en 2010 e 2011, de novo campioas da Copa Xunta en 2010… E poderiamos seguir moito máis, porque ano a ano, tempada a tempada, sábado a sábado, no Pavillón Vista Alegre de Burela todas e todos vibramos, sufrimos, gañamos e… gozamos co fútbol sala feminino do noso equipo. A afección estivo aí, a afección estivemos aí con elas, e en novembro de 2009 creamos a peña de seguidoras “Soles Laranxas” que non nos deu máis que satisfaccións e alegrías.

Pero o bo traballo feito dende o equipo (pola directiva, que apostou decididamente polo equipo feminino demostrando o seu compromiso coa igualdade no deporte; polos diferentes integrantes do corpo técnico; e, por suposto, por todas as xogadoras que pasaron por Burela) foise consolidando tempada a tempada e, agora, no 2012-2013 chegou a meta tan desexada e buscada: gañalo todo. Gañar a Liga e gañar a Copa de España.

Quen nolo ía dicir en Burela? Unha vila con menos de 10.000 habitantes que ten dous equipos de fútbol sala nas máximas categorías deste deporte e un deles, o feminino, que en menos de quince días se proclama campión de Liga e campión da Copa de España.

Grazas a todas e todos os que estades embarcados neste proxecto do Burela FSF por facernos sentir orgullosos e orgullosas do noso equipo.

Grazas por facernos gozar durante cinco anos co fútbol sala feminino.

Exit mobile version