Site icon Crónica3.com A Mariña

Comeza o ciclo documental “A nosa terra, a nosa cultura” organizado por ADEGA

Lugo, a 27 de Maio de 2013.- Dentro da campaña “PONTE NO MEDIO. MÓVETE POLO TERRITORIO”, e dentro do proxecto “Cultura e Territorio” ADEGA pon en marcha un ciclo documental este mércores 29 de maio ás 20h no Museo Provincial de Lugo.

Nesta primeira sesión do ciclo, proxectaranse dúas pezas documentais; “A memoria da lingua” e “A lingua galega, reflexións na etapa Feijóo”, tralas proxeccións procederase a realizar unha charla-coloquio cos autores das obras audiovisuais e un representante da Mesa pola Normalización Lingüística.

CICLO DOCUMENTAL “A NOSA TERRA, A NOSA CULTURA”

ADEGA plantexa este ciclo en diferentes sesións que permitan visualizar varias obras documentais sobre como o tempo afectou negativa ou positivamente ao noso territorio, a nosa cultura e por tanto o noso país, reflectindo o sentir e a experiencia daquelas persoas que o viviron, facendo así mesmo unha análise da situación actual coñecendo de onde vimos e cara onde imos.

Concibido como un cine forum, a primeira sesión terá lugar o día 29 de maio ás 20h no refectorio do Museo provincial de Lugo e o tema tratado será; A lingua.

Programa (1ª Sesión)

Proxeccións:

“A memoria da lingua” de As Candongas do Quirombo.

Sinopse; 20 entrevistas a persoas de diferentes idades e condicións sociais aproxímannos á memoria histórica da lingua galega. Unha nova perspectiva para ollar o galego e para sacar do esquecemento a situación de represión que viviu e vive a nosa lingua. A través da historia viva das súas protagonistas achegámonos ao pasado máis recente da lingua galega e tamén á situación actual que está a vivir.

“A lingua galega, reflexións na etapa Feijoo” de Xosé Bocixa.

Sinopse; O goberno da Xunta por parte de Feijóo constituíu un dos maiores atentados contra a lingua galega visto dende hai tempo, atacando a unha das súas bases: o ensino. Cando os poderes políticos non apoian a lingua resta a resistencia da sociedade para reclamar o que é seu.

Charla-Coloquio:

Interveñen:

Raquel Rei Branco. Realizadora e integrante do documental “A memoria da lingua”.

Xosé Bocixa. Director do documental “A lingua galega, reflexións na etapa Feijoo”.

Carlos Outeiro Baamonde. Vicepresidente da Mesa pola normalización Lingüística.

Exit mobile version