Site icon Crónica3.com A Mariña

Debate da ILP da reciclaxe este martes no Parlamento

Por segunda vez na historia do Parlamento, este vindeiro martes 14 de maio a partires das 10:30h vaise debater unha Iniciativa Lexislativa Popular sobre os residuos, co obxecto de que a Xunta cumpra as leis e adique recursos á redución, reutilización, reciclaxe (3Rs) e compostaxe en troques de seguir financiando a incineración de SOGAMA.

Co respaldo de case 22.000 galegos e galegas que queremos outra política de xestión de residuos máis ecolóxica e solidaria, o voceiro da Comisión Promotora o prof. Manuel Soto Castiñeira, catedrático de Enxeñaría Química da UDC, subirá á tribuna do Parlamento para defender un ambiente máis san para todos e todas.

Acode este martes 14 ao Parlamento para amosares o teu apoio á proposta e facerlle ver á Xunta que a incineración e o vertido que perpetra SOGAMA cos nosos residuos é, ademais de caduco, contaminante e caro, un sistema contrario ás leis que promoven a reciclaxe.

Despois do debate, membros da Comisión Promotora atenderemos aos medios e faremos as oportunas valoracións do acontecido, en directo e sen “plasmas”.

Asemade, a Plataforma Galega contra a Incineración convocou, a partires das 11h, unha concentración fronte ao edificio do Parlamento para transmitir o apoio á iniciativa e facer reflexionar á Xunta do ruinoso e contaminante modelo de xestión para os residuos -SOGAMA- que terma en defender.

ADEGA convida a participar na concentración de apoio fronte ao Parlamento este martes 14 a partires das 11h.

Exit mobile version