O asociacionismo ten en Foz vellas raíces, que non só non esmoreceu, senón que foi a mais e segue, sabedores os cidadáns de que é o vieiro axeitado para a dinamización dunha sociedade que, sobre todo no cultural, precisa do estímulo, a participación e a solidariedade das xentes ás que dirixen tódolos esforzos e iniciativas. Unha ollada á historia destes movementos cidadáns lembra que agora mesmo, ou en datas de arredor, vivimos tempos de efemérides, de celebracións de iniciativas populares, non institucionais nin dirixidas polo poder que, permanecendo ó longo dos anos, deixan o seu ronsel na vivencia veciñal. Están de cumpreanos, con idades significativas.Poucos días hai, recordábamos cómo en 1918 se creaban aqueles Socorros Mútuos en tempos tan pobres, de fames colectivas, enfermidades sen recursos, miseria…As cousas cambiaron pero aínda nos anos sesenta a entidade tiña un médico para a atención dos socios. En 1929 fúndase a Confraría de Pescadores. En 1975 (hai pretiño de 40 anos) xurde a Asoc.de Veciños O Castro, aínda que ó parecer como plataforma política pois ó xurdir as primeiras eleccións democráticas os mais significados promotores presentáronse ás mesmas en distintos partidos. Pasadas aquelas esqueceron a Asociación; houbo que rescatala. En 1978 creouse O Feitizo, hoxe grupo folclórico. Este mesmo ano (hai 35) comeza a andaina a Asoc.das Amas de Casa e un ano mais tarde a de Viúvas. En 1980 (hai 33 anos), nace os Amigos das Setas Os Bolouros e ó ano créase o Clube Náutico. En 1983 (hai 30) xurde o Radioclub Costa Lugo e a Coral Polifónica que percorre o país e parte de Francia e Portugal colleitando sonoros trunfos en prestixiosos escenarios. Nace en 1989 (hai 24 anos) a Asoc.Cultural A Pomba do Arco, de tan brillante currículo, a Asoc.de Comerciantes (ACIA) que acaba de celebrar as vodas de prata, efeméride cara á que camiña A Subela, e no vindeiro agosto a Banda celebrará os 20 anos do primeiro concerto. Outros colectivos desta índole, que realizan un laudable labor, existen nas parroquias, dos que carecemos de datos.