Anos despois as persoas traballadoras explotadas ás que queriamos axudar somos nós. As pequenas explotacións que estaban a desaparecer son as nosas, e as persoas que permeten e mesmo fomentan todo iso non son diferentes daqueles. Así imos aprendendo que non hai límites xeográficos na economía global: xa están aquí os salarios baixos, a desprotección social e as escasas restricións ambientais.
Agora entendemos que cando mercamos cousas que son baratas por ter sido producidas con salarios baixos e sen dereitos laborais, sen querer estamos dicindo ás empresas nas que traballan as nosas familias e amizades que baixen os salarios das persoas empregadas e pidan a redución dos seus dereitos se queren que compremos os seus produtos. Que cando mercamos cousas producidas empregando técnicas contaminantes, estamos dicindo ás empresas da nosa contorna que pidan aos nosos gobernos que lles deixen empregar esas mesmas técnicas para poder competir no mercado global.
Asumida a nosa propia responsabilidade, hoxe máis ca nunca, cómpre mirar o que mercamos, informarnos e, sempre que poidamos, consumir produtos de produción social e ambientalmente sustentable. Loitar así por unha economía xusta, salarios dignos, protección social e salvagarda da calidade ambiental, aquí e aló.
Ás veces -non sempre- é algo máis caro, pero o certo é que cando o comercio a maiores de xusto é local, xunto cos bens intercámbiase amizade, saberes e sentimentos. Así o comercio xusto e directo contribúe a ligar e fortalecer éticamente a sociedade: transfórmanos, substituíndo o egoísmo que rexe o sistema actual pola valoración do traballo e dos dereitos dos demais (persoas, animais, o ambiente…). Co tempo falamos de xustiza no canto de caridade, de dereitos no canto de limosmas. Lévanos a mudar o obxectivo marcado polo sistema (faite rico!) polo de compartir con xustiza o moito ou pouco que hai coa veciñanza planetaria. Axúdanos así a liberarnos da mesquindade e preocupacións da baleira vida que as veces levamos, abrindo a porta ao control do noso destino en función dun sentir novo e propio.
A maiores, o comercio xusto e local facilita a continuidade das iniciativas económicas existentes, axuda a manter e crear emprego, fomenta a aparición de novos produtos e a posta en marcha de novas explotacións ou de pequenas industrias de transformación. Supón así unha aposta pola capacidade de resistencia da sociedade local, polo seu empoderamento e pola auténtica soberanía.
Na nosa bisbarra moita xente leva tempo producindo, comerciando, consumindo e difundindo estas ideas. Por iso, e co obxecto de darlle un pulo favorecendo o contacto entre estas persoas, a ONG Amarante Setem, o grupo de consumo As Grelas e o Sindicato Labrego Galego temos organizado, coa colaboración do Concello de Ribadeo, un encontro comarcal o vindeiro sábado 11 de maio na Praza de Abastos.
Participarán nel persoas produtoras, comercializadoras e asociacións de consumidores e consumidoras da comarca, e incluirá un mercadiño, charlas e mesas de debate sobre barreiras e oportunidades para a promoción da produción e consumo destes produtos. Terá lugar de 11:00 a 15:00 da mañá, e será sen dúbida unha boa ocasión para coñecer quen son e como funcionan todas elas, de integrarse nalgún deses grupos, de coller ideas para transformar as nosas explotacións a ecolóxico, así como de establecer contactos entre quen produce, comercializa e consume.
Iván Rodríguez Lombardero