Site icon Crónica3.com A Mariña

Feijóo pon a Alcoa como exemplo de empresa internacional que está asentada na comunidade e xera emprego e riqueza

Feijóo afirma que a Xunta seguirá apostando por traer capital a Galicia e internacionalizar a economía e avanza que neste 2013 a comunidade está exportando máis que España

Santiago, 15 de maio de 2013.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por potenciar a economía galega avanzando en dúas direccións: coa atracción de capital á comunidade e a través da exportación. “Non só temos que traer capital a Galicia, que é un síntoma de competitividade da nosa economía e é un síntoma de confianza en Galicia, senón que temos que exportar”, aseverou Feijóo no Pleno do Parlamento. Por iso, engadiu, neste ano 2013 Galicia “está exportando máis que España; por iso Galicia, no ano 2011 ten a balanza comercial máis positiva da súa historia; e por iso Galicia no ano 2012 sigue tendo unha balanza comercial beneficiaria e positiva en máis de 1.600 millóns de euros”.

“Trátase de traer riqueza e exportar”, abondou o mandatario galego salientando que o Executivo autonómico que preside leva “multiplicado por catro as facilidades e o apoio ás empresas galegas para exportar”.

O titular da Xunta referiuse a unha serie de empresas que están asentadas na comunidade e contribúen a xerar emprego e riqueza. Factorías que teñen unha alta importancia económica, social e de emprego en Galicia: a empresa francesa Citroën, que emprega entre 6.500 e 7.000 persoas de forma directa; a estadounidense Alcoa, unha das grandes empresas de aluminio de Europa, que dá traballo a entre 1.500 e 1.600 persoas; a suíza Nestlé; a danesa Vestas; a empresa noruega Stolt Sea Farm; ou a xaponesa Denso. Todas elas, sinalou Feijóo, “empresas que sendo estranxeiras dan emprego en Galicia, apostan por Galicia e crean riqueza na comunidade autónoma”.

“Supoño, señoría, -afirmou dirixíndose ao voceiro nacionalista-, que o seu caderno económico non plantexa que estas empresas se vaian de Galicia; supoño, señoría, que vostede se dá conta de que Vigo hoxe é unha gran capital do sector do automóbil de Europa grazas a esta empresa [Citroën]; supoño, señoría, que vostede sabe que na Mariña lucense, a primeira empresa fundamental -que por certo, vostedes de vez en cando defenden e outras atacan- é Alcoa”, incidiu. Nesta liña, o mandatario autonómico dixo non entender cal é a política económica do BNG, entre outras cousas, remarcou, “porque non ten vostede unha política homologable a ningún país de Europa nin a ningunha rexión de Europa. É posible, en consecuencia, señoría, que deba vostede revisar a súa política económica”, enfatizou.

O presidente da Xunta dixo sentirse orgulloso “vendo nas rúas de México D.F. máis de 140 tendas de Inditex” e tamén “cando a cuarta petroleira do mundo e a primeira empresa de México se fía de Galicia para investir, para crear emprego e para xerar riqueza”.

O mandatario autonómico pediulle ao Bloque Nacionalista Galego que explique cál é a súa proposta en materia económica e instouno a que no eido do naval escoite aos sindicatos de Barreras e ao comité de empresa, “que o que queren –aseverou- é carga de traballo, capital para reflotar Barreras e crear postos de traballo para que a ría de Vigo volva a ter emprego no naval”.

Neste sentido, asegurou que mentres o BNG se dedica a crear incertezas e dúbidas sobre a capacidade de Galicia; o Goberno galego seguirá a traballar para que estaleiros galegos e estaleiros mexicanos en alianza presenten ofertas para renovar a flota menor de Pemex, cun contrato de máis de 200 millóns de dólares.

“Vostedes queren que en plena globalización pechemos as portas de Galicia”, dixo en alusión ao BNG, logo de incidir en que a proposta da Xunta, pola contra, é moi clara: “Queremos que haxa barcos galegos en México e queremos que haxa capital mexicano en Galicia. E oxalá que o investimento de Pemex teña un efecto chamada noutras grandes empresas do sector naval”, concluíu.

Fonte: www.xunta.es

Exit mobile version