O programa de actividades da xornada que se prolongará desde as catro da tarde ao longo da xornada do domingo centrarase en actividades lúdicas, festivas e culturais para os nenos e nenas tomando o idioma como nexo de unión entre elas. Así a pista do Campo da Cabana acollera xogos tradicionais, papiroflexia, globoflexia, xogos de rol e actividades campamento. Xunto a estas actividades desenvolverase unha sesión de contacontos a cargo de Anxo Moure, musica infantil en galego e tamén estará a disposición de todos os nenos e nenas que acudan un xogo de colchonetas para o seu uso toda a tarde. Finalmente, farase un agasallo a todas as nenas e nenos asistentes dun libro de contos en galego, atendendo a idade do cativo ou cativa.
“Non é casual que centremos a festa da lingua nos máis pequenos” afirmou Basanta quen indicou que “ é precisamente neste sector de idade onde idioma presenta un retroceso máis evidente e onde o galego, mesmo en áreas galegofalantes como A Mariña, non ocupa un papel hexemónico como consecuencia fundamentalmente do papel que xoga o ensino e particularmente os medios de comunicacións de masas. Non existe unha oferta de ocio e cultural en galego que permita que as nosas nenas e os nosos nenos poidan desenvolver na lingua que lles é propia as súas capacidades polo que son necesarios actividades como estas que permitan aos máis novos socializarse á marxe da oferta hexemónica”.
Basanta quixo facer un chamado “para que os pais e nais focegos e da Mariña se sumen a esta xornada lúdica convidándoos a acudir o domingo pola tarde ao Campo da Cabana desde a consideración que son tamén necesarias novas formas de ocio para os nenos que lles permita socializarse en contacto con outros nenos e non exclusivamente a través das canles que poidan abrir as novas tecnoloxías e os medios audiovisuais. É necesario recuperar espazos para o xogo, que o xogo sexa en contacto con outros nenos, que os nenos e nenas se relacionen entre si a fin de que non rematen as formas tradicionais de relación”.