Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia asistiu aos actos de conmemoración do 50 aniversario do CEIP Virxe do Carme de Burela

Foto actos 50 aniversario CEIP Virxe do Carme (2)Burela, 10 de maio de 2013. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, asistiu hoxe aos actos conmemorativos do 50 aniversario do CEIP Virxe do Carme e manifestou que os alumnos e alumnas que pasaron e pasan polo centro deben contribuír a facer unha sociedade máis xusta, máis libre e máis tolerante.

O rexedor sinalou que “hoxe estamos a celebrar o 50 aniversario da posta en marcha do colexio público Virxe do Carme. Desde aquelas escolas novas ás que moitos asistimos ata as instalacións actuais pasaron moitísimos anos e teñen pasado moitos alumnos e moito profesorado”.

González Barcia indicou que “nós, desde o Concello, estimamos que os centros de ensino deben ser elementos dinamizadores da sociedade, deben ser parte activa na formación das persoas, non só como transmisores de meros coñecementos culturais, senón como elementos que formen ás persoas para que esas persoas dentro da colectividade na que viven sexan integradas, participen de forma activa e melloren calidade de vida da nosa sociedade”.

O alcalde lembrou que “polas aulas do CEIP Virxe do Carme teñen pasado milleiros de alumnos, que agora nos seus traballos terán moita ou pouca responsabilidade, pero todos deben contribuír a facer unha sociedade cada día de maior calidade de vida, máis xusta, máis libre e máis tolerante”.

Barcia engadiu que “o que se quere hoxe con estes actos é recoñecer o traballo feito nestas aulas durante tantos anos, facer unha lembranza a aqueles profesores que pasaron por elas, e facer unha xornada de convivencia para que ese espírito, que emana dos centros de ensino e que une a pais, nais, profesores/as e alumnos/as se manteña non só hoxe, senón durante 50 anos máis”.

Tamén acudiron aos actos desenvolvidos no CEIP Virxe do Carme outros membros do equipo de goberno coma os concelleiros de Xuventude, de Obras e de Emprego.

Exit mobile version