Site icon Crónica3.com A Mariña

Homenaxe da Xunta ao Burela FSF

Foto recepcion presidente Xunta 1A Xunta de Galicia felicitou onte o Burela FS Pescados Rubén polo título conquistado na máxima categoría do fútbol sala feminino en España. O presidente autonómico, Alberto Núñez Feijoo, exerceu de anfitrión na recepción que a Xunta lle brindou ao equipo da Mariña no Pazo de Raxoi. Xunto ás xogadoras e corpo técnico, estiveron o presidente, José Ramón González Casas; o vicepresidente, Manuel Blanco; o director xeral, José Luis Sáez; os directivos Marcelino Luna e Antonio Ródenas e o director deportivo, Marcelo Santoro. Da expedición burelista tamén formaron parte os fundadores de Pescados Rubén, Rubén Blanco e Cesarina Fanego, patrocinador principal do club. As xogadoras máis novas, Paula e Silvia, non puideron asistir por motivos académicos.

O acto tamén contou coa presenza do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; o presidente da Federación Galega de Fútbol, José García Liñares; o xefe do Servizo Provincial de Deportes en Lugo, Manuel Otero; e o alcalde de Burela, José María González Barcia.

Radio Marca
Tras a visita á cidade compostelá, Javier Pardeiro trasladouse a Vilagarcía de Arousa para participar no programa radiofónico de deportes ‘El Intermedio’, de Radio Marca. O adestrador laranxa compartiu micrófono co subdirector do xornal Marca, Juan Ignacio Gallardo; o director de Radio Marca, Francisco García Caridad, e os xornalistas David Sánchez, Raúl Santamaría, Alberto García e Roberto Gómez.

Pardeiro reflexionou sobre a situación de deporte feminino e súa evolución en presenza e repercusión nos últimos anos, recordou os momentos máis emocionantes do último partido de liga, que lle concedeu ao Burela FS Pescados Rubén a liga de Primeira RFEF e tivo unhas palabras moi especiais de agradecemento tanto para a firme aposta de Pescados Rubén, como patrocinador do proxecto burelista, coma para o apoio da numerosa afección de Vista Alegre que vive con entusiasmo o fútbol sala.

‘El Intermedio’, que habitualmente se realiza en Madrid, emitiuse onte dende o salón de plenos de Vilagarcía con motivo da presentación do XVIII Arousa Fútbol 7, con entrevistas ao alcalde, Tomás Fole, e a concelleira de Deportes, Elena Suárez. Tamén participaron no programa o secretario xeral para o Deportes, José Ramón Lete, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.

Exit mobile version