Porén, no actual réxime parlamentar existe unha figura que permite ao pobo erixirse por si propio en propulsor de reformas legais. Son as denominadas Iniciativas Lexislativas Populares (ILP). A través destas a cidadanía pode, por medio dun complexo proceso de recollida de sinaturas, trasladar ás cámaras de representantes propostas legais para a súa consideración. Os requisitos que han de cumprir acostuman inviabilizar a súa chegada aos plenos parlamentarios. Mais inda cumpríndoos poden ser vetadas. Unha maioría absoluta pode rexeitar que calquera ILP se debata.
O certo é que as ILP, amplamente descoñecidas, se puxeron de actualidade pola que impulsou a Plataforma de persoas Afectadas polas Hipotecas. A PAH logrou axuntar máis dun millón e medio de sinaturas en todo o Estado para propor unha reforma legal que impuxese unha moratoria nos desafiuzamentos, que habilitase a dación en pagamento con carácter retroactivo como forma para saldar completamente as débedas e que pulase polo alugueiro social como fórmula que impedise a perda da vivenda. O PP de entrada negouse mesmo a debatela e só a presión social logrou que chegase ao Congreso. O resto da historia é coñecida. Do texto avalado por centos de milleiros de persoas non quedou ren logo do cepillado (botando man da expresión de Alfonso Guerra) á que a someteu a maioría absolutísima do PP. Basta con contrastar o articulado da lei antidesfiuzamentos aprobada en solitario polos populares coa proposta da PAH, para comprobar de maneira empírica o fiasco, a colosal estafa democrática que perpetraron no seu nome.
O Parlamento galego debateu onte dúas ILP. A primeira, denominada “ILP Valentín Paz Andrade” pulaba pola ensinanza da ortografía portuguesa no ensino galego, a participación da Xunta en foros internacionais da lusofonía ou a recepción das televisións e radios portuguesas a través da TDT. O ditame unánime da cámara foi favorábel á súa tramitación. Porén, o facto de que o Partido Popular apoiase a súa consideración non significa que a mesma resulte finalmente aprobada en forma de lei, nin que a resultante respecte os obxectivos e compromisos recollidos na ILP. O voceiro popular xa o deixaba caer ao insistir que a inclusión do portugués nas escolas de Galiza sería baixo a forma de “lingua estranxeira” e en todo caso con carácter optativo. Asemade o popular Agustín Baamonde rexeitaba a posibilidade de recebermos no noso país as canles de TV e radio portuguesas, aducindo que se trata dunha competencia estatal. Polo tanto a insólita coincidencia entre PP, BNG, AGE e PSOE arredor desta iniciativa pode non pasar dun mero facto simbólico. Simbolismo do que un non pode deixar de sospeitar que sexa instrumentalizado pola Xunta de Feijóo para rebaixar a tensión social rumo a un 17 de maio que agoira, máis unha vez, un clamoroso rexeitamento nas rúas da súa política galegofóbica. Aliás, engádese un chisco de cinismo, ou se se quer de impostura, á posición dos populares, dado que na súa recente viaxe a Portugal o Presidente Feijóo non tivo reparos en expresarse en español, e non en galego, botando man dun interprete para a tradución. Unha práctica que choca, por total incoherencia, coa concepción do galego como lingua internacional que fundamenta a propia ILP Valentín Paz Andrade.
A segunda ILP foi a dos “3 erres”. O texto impulsado por diversos colectivos de defensa ambiental avogaba pola aplicación en Galiza dos principios da denominada triple R: reutilización, redución e reciclaxe, e de facto supuña unha emenda á totalidade á desastrosa política de xestión de residuos implementada no noso país a través de Sogama. Política que mesmo incorre en incumprimento da lexislación vixente, polo que vai ser denunciada perante a Comisión Europea. Desde logo non causou sorpresa que o PP empregase sen ambaxes a súa maioría absoluta para tombar mesmo a súa toma en consideración, facendo unha defensa cerrada do modelo de incineración, que para alén de insustentábel ambientalmente supón unha ameaza real para a saúde pública. Sen embargo si que renxeron de máis boa parte dos “argumentos” deitados polo PP en oposición á ILP, mesmo incorrendo na falsidade de presentar a Sogama como un “modelo de valorización enerxética” cando en realidade consume máis enerxía da que xera.
A estes exemplos cómpre engadirmos outras iniciativas. As vetadas. As que malia contaren co apoio dun inxente número de galegas e galegos non chegaron nunca a ser debatidas por mor do veto parlamentario do Partido Popular. As máis recentes son a que apostaba por unha sanidade pública cento por cento e a que reclamaba o mantemento do pioneiro programa pre-escolar na casa, finalmente finiquitado pola Xunta de Feijóo. Ambas as dúas foron lembradas onte, por boca da deputada do BNG Ana Pontón. A nacionalista cualificou de “inxusta” a posibilidade legal que permite o veto parlamentario xa que supón un atranco a “debates que a cidadanía quere traer ao Parlamento” e anunciou que desde o Bloque promoverán unha modificación da Lei de Iniciativa Lexislativa Popular para evitaren que ningunha ILP esmoreza ás portas da cámara.
Visto o visto un non pode máis que concluír que o pobo non é -parafraseando o Grândola- quen máis lexisla. A falta das imprescindíbeis mudanzas que alarguen a participación social na toma de decisións políticas, cara a unha democracia digna de tal nome, as ILP deberan ser o pequeno cabalo de Troia das camadas populares, das clases traballadoras, para -por si propias- coar no barullo da retórica oca das cámaras as necesidades e arelas reais da xente, botando man das e dos aliados que temos nos escanos, porque habelos hainos malia seren poucos. Porén, aínda logrando o anterior a tarefa seguirá a ser conquistarmos o poder que hoxe nos furtan, derrubando os muros infranqueábeis dos parlamentiños para colocar a vontade popular no centro da praza liberada que canta Tino Baz.
Xabier P. Igrexas
www.contradiscurso.net | @contradiscurso