O alcalde, José Mª González Barcia, presidiu esta sala na sala de arte da Casa da Cultura a inauguración da exposición fotográfica De onte a hoxe: o urbanismo burelao en imaxes, realizada polos alumnos de 4º de ESO do IES Monte Castelo. Trátase do primeiro acto das festas patronais deste 2013. O rexedor recoñeceu o traballo feito polos mozos e mozas do Monte Castelo e animounos a seguir nesta liña. González Barcia dixo que “a exposición pretende amosarlle á xente cómo cambiou Burela”. E pediulles aos rapaces que “tomen a mostra coma unha lección, que miren ao pasado para facer bo o presente e mellorar o futuro”. O programa das festas patronais de Burela seguirá o vindeiro sábado, 25 de maio, co pregón que pronunciará o ex conselleiro de Pesca e senador Enrique López Veiga. Será ás 21 horas no auditorio da Casa da Cultura. A continuación haberá un concerto do grupo Cánere son. E xa ás 22 horas dará comezo na praza da Mariña a verbena coa orquestra Magos de España.