Site icon Crónica3.com A Mariña

Lete Lasa destaca que a provincia de Lugo achega a representación galega ao podio de disciplinas como o taekwondo ou o tiro

REUNIÓN DE LETE LASA CON DEPORTISTAS DE LA PROVINCIA EN LA XUNTALugo, 6 de maio de 2013.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou hoxe os éxitos e o gran potencial dos deportistas lugueses Miguel Colmenares, Gabriel Tembras e Alejandro Fernández que se teñen convertido, dixo, “en representantes galegos no podio de disciplinas como o taekwondo e o tiro”.

José Ramón Lete Lasa, acompañado da delegada territorial de Lugo, Raquel Arias, mantivo hoxe unha xuntanza con estes tres deportistas que actualmente son, sinalou, “o presente e o futuro” en Galicia de deportes como o tiro e o taekwondo. Eles, proseguiu, teñen tecido unha traxectoria deportiva “a base de moito esforzo e desde idades moi novas”, para situar o noso deporte “nos primeiros postos dos campionatos nacionais e galegos”.

Miguel Colmenares Díaz, do Real Aeroclub de Lugo, fíxose co título de campión do mundo por equipos en armas de avancarda en agosto do 2012, en Alemaña. Foi catro veces campión de España; a última, o pasado mes de abril en Granada. Aos seus 54 anos, conta, tamén, con 4 copas Presidente.

Gabriel Tembras Corrales acaba de proclamarse este pasado mes de abril en Alacante campión de Europa cadete de taekwondo na modalidade free estyle. A pesar da súa xuventude, ten 11 anos, xa conseguiu o título de campión galego en técnica e combate en categoría alevín, o de campión nacional infantil na modalidade de técnica, e o de subcampión na modalidade de parellas, onde foi o participante máis novo.

Alejandro Fernández, con tan só 7 anos, proclamouse o pasado 13 de abril, en Oropesa de Mar, campión de España benxamín de taekwondo técnica. Esta medalla, unida á de Andrea Vilas, permitiu a Galicia colocarse na terceira posición da clasificación xeral, despois de Cataluña e Valencia. Ademais, é medalla de ouro en provincial e subcampión galego en técnica e combate en categoría alevín.

Exit mobile version