Site icon Crónica3.com A Mariña

Lugo acolle o partido internacional de rugby entre Galicia e Euskadi

rIMG_2808O partido de rugby terá lugar no estadio Gregorio Pérez Rivera este sábado día 11 de maio ás 5 da tarde e pola mañá, ás 12, enfrontaranse os combinados femininos

Lugo, 6 de maio de 2013. Esta mañá, o vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou no salón de actos da Deputación de Lugo o encontro internacional de Rugby entre as seleccións de Galiza e Euskadi que se disputará este sábado, 11 de maio, ás 5 da tarde no estadio Gregorio Pérez Rivera de Lugo. Na presentación deste encontro que patrocina a Área de Deportes da Deputación de Lugo, Antonio Veiga estivo acompañado polo presidente da Federación Galega de Rugby, Ignacio Cociña, que é quen organiza o partido e as actividades paralelas a el, no que tamén colabora o club lucense de rugby, o Muralla; por parte do Concello de Lugo, que cede as instalacións, estivo Xosé Manuel Díaz Grandío e por parte da empresa Intermax, colaboradora no desenvolvemento das actividades e que retransmitirá en directo para todo o mundo en calidade HD o encontro de rugby, o seu director xeral, Javier Mouriño.

O vicepresidente da Deputación afirmou que “é unha ocasión magnífica para ver un partido oficial da selección galega de rugby contra un rival de moitísimo nivel, no que seguro que será unha festa do deporte e tamén de irmandade entre dous países que se ven privados da posibilidade de competir de xeito oficial coas súas seleccións nacionais. De feito, aquí en Galiza vimos como o PP eliminaba o tradicional partido internacional da selección galega de fútbol no que era un día de auténtica celebración para todos, cos estadios cheos de seareiros e seareiras galegas apoiando á súa selección e uns xogadores galegos que vestían con orgullo a camiseta branquiazul. Por iso, aproveitando esta ocasión, queremos facer unha reivindicación polo dereito á oficialidade das seleccións nacionais galegas”.

Por outra banda, Antonio Veiga expresou o seu desexo “de ver cheas as gradas do Pérez Rivera de Lugo este sábado, comezando polo partido feminino pola mañá e tamén no partido oficial masculino ás 5 da tarde, nunha xornada que contará con múltiples alternativas de ocio, como zona para xantar, sorteos de material deportivo e demais, o que propiciará tamén que Lugo sexa un punto de encontro e intercambio entre dúas afeccións de dous países que comparten o seu desexo de ver ás súas seleccións deportivas en partidos internacionais oficiais”.

O presidente da Federación Galega de Rugby, Ignacio Cociña, remarcou o carácter festivo que rodeará o encontro xa que a propia federación que el preside celebra o seu 30 aniversario nesta xornada, presentándose a camiseta oficial da selección galega de rugby. Ignacio Cociña destacou que vai ser un evento moi especial para a afección pero tamén para os propios xogadores, xa que hai anos que a selección galega non disputa ningún partido, e o rival que van ter enfronte, a selección de Euskadi, ten nas súas ringleiras aos mellores xogadores de rugby do estado.

Ademais, Ignacio Cociña lembrou que para os afeccionados que se acheguen tamén haberá actuacións musicais ao remate do partido, coa presenza dos mellores djs españois, polo que convidou a toda a poboación en xeral a asistir este sábado ao Gregorio Pérez Rivera e desfrutar dunha xornada de festa ao redor do rugby.

Exit mobile version